O Concello de Lugo tramita un parque de xogos infantís na praza do Camiño Primitivo, en Fontiñas

A dotación ubicarase  na contorna do monólito que sinala os 100 quilómetros que restan ata Santiago.

O Concello de Lugo iniciou os trámites para a creación dunha área de xogos infantís na praza do Camiño Primitivo, no barrio de Fontiñas, no espazo da contorna do monólito do KM 100.

Ao estar situada dentro da delimitación do Camiño de Santiago, a actuación precisa da autorización preceptiva da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Por este motivo, o Concello xa presentou a correspondente solicitude, acompañada dunha memoria técnica elaborada polo Servizo de Parques e Xardíns.

A memoria contempla unha área de xogos de aproximadamente 224 metros cadrados, cun elemento multixogo singular inspirado na Muralla Romana de Lugo. O deseño evoca elementos característicos do monumento, como os lenzos, os cubos e os arcos, e prevé diferentes posibilidades de xogo. A proposta inclúe tamén a colocación dun peche perimetral de seguridade.

Esta nova dotación forma parte das actuacións previstas polo Concello de Lugo para a mellora dos espazos públicos do barrio de Fontiñas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios