Rego demanda a Transportes reparar o firme e realizar labores de limpeza na N-120A ao seu paso por Pantón

O deputado nacionalista require coñecer cando se acometerán as actuacións de conservación e reparación do firme nesta estrada de titularidade do Ministerio de Transportes

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para demandar ao Ministerio de Transportes actuacións para a mellora do firme e as labores de limpeza viaria na N-120A ao seu paso polo Concello de Pantón. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala a urxencia dos traballos de limpeza das marxes para garantir a seguranza de peóns e ciclistas, así como axuda indispensábel para previr a propagación de incendios forestais agora que dan comezo os meses estivais.

A N-120A ten sido obxecto de diversas iniciativas por parte do BNG polo grave estado de deterioro en que se encóntrase e o total abandono por parte da carteira ministerial responsábel do seu mantemento. Após anos sen un mínimo de atención, o firme está completamente estragado e, nas marxes, a maleza invade os carrís de circulación chegando a cubrir totalmente as beiravías.

«É necesario atender a reparación integral desta estrada, que é a principal vía de comunicación para a veciñanza do Concello de Pantón sobre todo para as persoas que viven nas parroquias de Santo Estevo de Atán e Santo André de Següín» reclama o deputado nacionalista no Congreso. De facto, debido ao seu trazado sinuoso, é habitual que se produzan accidentes o que «urxe, máis aínda, actuacións nesta estrada para garantir a seguranza dos vehículos».

Por outra parte, a organización nacionalista defende a necesidade de que o Ministerio de Transportes leve a cabo unha limpeza nas marxes e cunetas da estrada. «Os labores de limpeza son esenciais para asegurar o paso de peóns e ciclistas ademais de axudar a previr a propagación de incendios forestais agora que dan comezo os meses estivais» reitera Néstor Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios