Néstor Rego: ”É un paso importante. Implica que se transfire a titularidade, que se transfiren todas as competencias e que se concretará nunha Comisión Mixta Goberno-Xunta”.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, desvendou esta mañá que o BNG conseguiu chegar a un principio de acordo co grupo socialista para tramitar definitivamente a lei de transferencia a Galiza da AP-9.
Explicou que se fará por medio dunha emenda transaccional que respecta fundamentalmente as propostas do parlamento da Galiza. “Implica a transferencia da titularidade da AP-9 á Administración galega e tamén a salvagarda de que o Estado asume todas as consecuencias, mesmo económicas, das decisións que ten adoptado en relación á autoestrada do Atlántico para salvagardar, por exemplo, unha hipotética finalización da concesión como consecuencia do expediente aberto pola Comisión Europea pola irregularidade das prórrogas realizadas”.
Cumprir a vontade unánime do parlamento e da sociedade galega. Un paso importante
Deste xeito, BNG pon fin ao bloqueo á tramitación da lei de transferencia da AP-9 do parlamento galego para que se cumpra a vontade unánime da Cámara e da sociedade galega.
Para o BNG este é un paso moi importante que implica que se transfire a titularidade, que se transfiren todas as competencias e que se concretará nunha Comisión Mixta Goberno-Xunta da Galiza e a posterior publicación dun real decreto como é habitual en calquera proceso sobre traspaso de titularidade ou de competencias.
Seguinte obxectivo: acabar coa concesión e unha AP-9 libre de peaxes.
BNG considera este un momento fundamental porque é a concreción dunha reivindicación histórica que a AP-9 pase a ser competencia do noso pais. Mais en todo caso “queremos deixar claro que seguiremos a traballar porque a AP-9 sexa unha autoestrada libre de peaxe, que se poña fin á súa concesión. Ademais, está claro que a prórroga realizada polo PP de Aznar foi irregular e polo tanto mantemos o obxectivo dunha AP-9 galega e libre de peaxe para acabar coa discriminación e coa inxustiza que representa que os galegos e galegas e empresas ubicadas no noso pais teñan que seguira pagar as tarifas da AP-9, aínda que neste momento sexa coas bonificacións que conseguiu BNG”.
Rego enfatizou que “unha AP-9 galega e libre de peaxe continúa a ser o noso obxectivo porque para BNG todo aquelo que beneficie o avance do noso pais sempre estará en primeiro lugar. Mais unha vez demostramos que co BNG Galiza gaña. Hoxe a cuestión é que imos conseguir esta mesma semana avanzar na ponencia na lei de transferencia da AP9 e posteriormente na comisión para a súa aprobación definitiva”.