Colapso na Rolda de Outeiro: O BNG leva ao Pleno a falta de planificación de Inés Rey en obras viarias

A concelleira do BNG Mercedes Queixas vai dar lectura dun rogo oral, no Pleno do vindeiro venres 11X, para que o Goberno Local tome medidas que palien os colapsos de circulación diarios que se están a producir na Rolda de Outeiro e que teñen como orixe a falta de planificación por parte do Goberno de Inés Rey ao dispor a execución simultánea de obras viarias en vías vertebradoras da urbe e con grande densidade de tránsito.

Queixas pídelle tamén ao Goberno Local que habilite fórmulas provisionais de aparcadoiros para a veciñanza “debido á importante redución de prazas públicas que provocan as actuais obras en execución, de forma a optimizar o espazo público”.

Na exposición de motivos deste rogo oral, a concelleira nacionalista refire que a Avenida dos Mallos “leva varios meses fechada no tramo que discorre até a Rolda de Outeiro”, que a Avenida de Arteixo, á altura da Agra dos Mallos, se atopa afectada polas obras dos accesos á construción da Intermodal e que a Avenida da Sardiñeira, por mor desas mesmas actuacións, está igualmente cortada, “e xa se anunciou que o proxecto contempla eliminar a circulación en dirección saída”.

Os problemas de mobilidade aumentan porque desde hai varios meses “está inutilizado un carril de acceso na Rolda de Outeiro en dirección centro da cidade e nos últimos días tamén se está a pechar un carril en dirección saída á altura da estación de ferrocarril”.

A situación tense agravado, remarca Queixas, por se teren eliminado alternativas para saír da cidade, como era o percorrido a través da Rúa Europa.

Alén dos problemas de mobilidade, está tamén a dificultade para achar aparcamento na vía pública, pois a simultaneidade das obras leva aparellada a eliminación de prazas en diferentes rúas, “nunha área urbana que conta cunha alta densidade demográfica e co maioría de edificacións antigas sen prazas de garaxe, con consecuentes prexuízos para a veciñanza”.

Entende Queixas que os colapsos circulatorios teñen como orixe a falta de planificación por parte do Executivo coruñés á hora de executar as obras públicas, “así como teñen que ver coa nula preocupación do Goberno de Inés Rey por prever un plan de mobilidade alternativo que dese resposta a unha situación perfectamente previsíbel”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios