A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, foi a encargada de dar o pregón inaugural da feira Galicia Pueblo a Pueblo, celebrada cada ano na localidade vasca de Sestao.
Este evento é organizado pola Agrupación Hijos de Galicia Sestao coa colaboración do Ayuntamiento de Sestao, o Concello de Antas de Ulla e a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.
Este ano, a celebración está adicada precisamente a Antas de Ulla, baixo o lema «Territorio con alma en el Corazón de Galicia», e servirá para a promoción turística do municipio con diversos postos e actividades.
Destacará a promoción dos produtos artesanais e tradicionais do municipio, como o pan de antas, o queixo da Ulloa, os ovos do Pazo de Vilane, o mel das terras de Antas, os cosméticos artesáns ou os diversos doces da Ulloa.
Pilar García Porto salientou «a honra que supón dar este pregón e que Antas de Ulla fose elixida para representar a Galicia en Sestao nunha festa con tanto percorrido e repercusión».
«Coa nosa presenza nesta feira consolídanse os lazos de hermanamento coa emigración galega e coas súas familias residentes hoxe na zona de Bilbao, sendo tamén un reclamo para que volvan a nosa terra, ben para visitala, ben para permanecer nela», afirmou a rexedora.
«Tamén faremos promoción da nosa cultura e tradicións, destacando a participación a banda de Antas de Ulla, todo un emblema do noso concello cos seus máis de 125 anos de historia», engadiu.
Galicia Pueblo a Pueblo comezou onte, venres 4 de xullo, e prolongarase ata o domingo 6. Inclúe unha feira do polbo e de gastronomía, unha feira de artesanía e actividades como espectáculos musicais, catas de viños, pasarrúas e moito máis.