Manquiña despídese de “Todo Nunha Noite” o 29 de xuño en Lugo

por Redacción Lugo

Manuel Manquiña e Sabela Hermida aterran en Lugo para despedir unha das obras máis importantes do panorama galego que conta xa con máis de 8.000 espectadores. As entradas xa se poden adquirir por 12 euros para vela no Auditorio Municipal Gustavo Freire

«Todo Nunha Noite», da compañía Abismo Caracol, pon fin á súa xira polos teatros e auditorios de Galicia o 29 de xuño en Lugo no Auditorio Municipal Gustavo. Protagonizada por Manquiña e Sabela Hermida e dirixida por Darío Autrán, a obra conta a historia dun director teatral que convence á súa musa para que cambie de rexistro e deixe de lado a súa exitosa carreira de comedia para somerxerse de vez en cando no drama.

Sesenta minutos de risas, contradicións e moito alcol fan desta obra unha das apostas máis importantes no panorama teatral galego. Autrán acaba de recibir o premio ao mellor director en Nova York no Universal Film Festival pola súa película «El Tirabeque», e Sabela Hermida é unha das actrices fundamentais de Galicia que segue en xira con varias das súas obras como «Política Sentimental», «Manar» ou xunto á compañía Bucaneros.

Manquiña comezou a súa carreira en programas humorísticos da TVG e saltou á fama polo seu papel na película «Airbag», de Juanma Bajo Ulloa, que lle valeu unha nominación ao premio Goya ao mellor actor revelación. Con máis de 30 películas no seu currículo, o vigués Manuel Manquiña participou en algúns dos títulos máis destacados do cine español dos últimos anos, actividade que compatibilizou coa interpretación e dirección teatral e televisiva. Foi un dos primeiros actores galegos en protagonizar monólogos de humor, achegándonos ao humor manquiñán, que mestura intelixencia e doses de barbarie. A innegable calidade artística deste actor e humorista consagrouo como un dos grandes showmen galegos. Con Darío Autrán, o director, traballou nos espectáculos «Relatos negros» e «Todo Nunha Noite», así como nas películas «O cuarto de mona» e «El Tirabeque». A xira da obra teatral pasará por Santiago de Compostela, Pontevedra e O Carballiño.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario