A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, non se andou con rodeos. Nun debate no pleno da Eurocámara sobre a “Situación da aplicación nos Estados membros do Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación”, a nacionalista galega ergueu a voz para denunciar que os medios públicos galegos (CRTVG) incumpren descaradamente a Lei Europea de Medios (Media Freedom Act). O motivo: o uso partidista que, segundo ela, fai o Partido Popular, culminando na imposición «a dedo» da nova directora xeral da CRTVG xusto hoxe.
«Manipular, impoñer, silenciar»: a CRTVG baixo o foco europeo
«Manipular, impoñer, silenciar e vulnerar dereitos. Non acontece só en Hungría, tamén no meu País, a Galiza. Estou a falar da TVG, a televisión e radio públicas do meu país», sentenciou Miranda durante a súa intervención, deixando claro que, para o BNG, o que ocorre na televisión e radio públicas galegas é unha grave inxerencia do goberno do PP, que as utiliza «para os seus propios fins políticos e ao servizo do seu goberno».
A eurodeputada non escatimou en exemplos para ilustrar este «incumprimento» da normativa europea. O máis recente e suliñable, ao seu parecer, foi o nomeamento en solitario da nova directora xeral da CRTVG, que se produciu hoxe mesmo e que contou unicamente cos votos do PP. Unha situación que xa denunciara a viceportavoz primeira do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, quen cualificou o nomeamento como unha clara estratexia do PP para exercer un «control político absoluto» sobre a CRTVG e convertela no seu «terminal de propaganda».
«Venres Negros»: a resistencia contra a manipulación cumpre 373 semanas
Miranda non se esqueceu da xa histórica loita das traballadoras e traballadores da CRTVG. Explicou que a falta de independencia editorial, a ausencia de órganos de control independentes, a pouca pluralidade e a opacidade no nomeamento de cargos e o financiamento derivaron en máis de 400 denuncias, numerosas folgas e o nacemento do movemento «Defende a Galega». Un movemento que, esta mesma semana, celebra os seus 373 «Venres Negros», xornadas de protesta que simbolizan a loita constante contra a manipulación informativa.
De feito, a eurodeputada lembrou que en novembro de 2024, unha delegación do Comité en Folga da CRTVG xa viaxou a Estrasburgo para expoñer en primeira persoa o «ataque á liberdade de prensa» e a «manipulación» que, segundo denuncian, impera nos medios galegos, ademais de abordar cuestións relativas aos dereitos laborais. Aquela delegación mantivo unha intensa axenda de traballo no Parlamento Europeo, reuníndose con dous vicepresidentes, Yonous Omarjee e Nicolae Stefanuta, e coa presidenta da Comisión de Cultura, Nela Riehl, levando a voz da CRTVG directamente ao corazón de Europa.