Nesta edición son 305 os rapaces saharauís acollidos en fogares galegos de 100 concellos, con 70 familias acolledoras novas con respecto ao ano anterior.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, recibiu esta mañá no aeroporto de Peinador a un grupo de nenas e nenos saharauís que participan no programa ‘Vacacións en Paz’. Na recepción, estivo acompañada da delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e da presidenta de Sogaps-Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla.
A Xunta achega máis de 200.000 euros a esta entidade para colaborar con eles no traslado destes menores a Galicia e a través de axudas para a cooperación. Este verán son 305 os rapaces saharauís acollidos en fogares galegos de 100 concellos, con 70 familias acolledoras novas con respecto ao ano anterior. Un dato que valorou positivamente a conselleira, ademais de poñer en valor o labor das familias que os acollen e o apoio que ofrece a Xunta de Galicia a esta iniciativa.
Durante a recepción, Fabiola García destacou, ademais, que Galicia é a terceira comunidade que acolle máis menores saharauís no verán, para afastalos das altas temperaturas que se rexistran nesta época na súa terra. A conselleira explicou que isto é posible grazas aos máis de trinta anos de estreita colaboración entre Sogaps e o Goberno galego.