O PP pregunta ao Goberno Sánchez se cumprirá a moción do Senado que obriga a acometer a rehabilitación integral do mosteiro de San Salvador de Lourenzá

Os senadores do PP agardan que “o Goberno de Sánchez non sume outro incumprimento máis” despois de prometer obras no Plan Nacional para o turismo Xacobeo 21/22 que non chegaron a executar e denegar unha axuda con cargo ao programa do 2% Cultural estatal.

Os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- esixen ao Goberno de Sánchez explicacións sobre as xestións realizadas para dar cumprimento ao aprobado na Comisión de Cultura o 24 de febreiro: o Senado instaba ao Goberno a liderar e financiar, con cargo a fondos estatais, a obra de rehabilitación integral do Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá.

O acordo recollía tamén que o Goberno de España elaboraría e executaría un proxecto de intervención, só ou en concorrencia con outras administracións, co fin de preservar, protexer e poñer en valor esta xoia patrimonial, arquitectónica e relixiosa declarada Conxunto Histórico-Artístico.

Os populares formulan esta pregunta atendendo ao artigo 178.2 do Regulamento do Senado, que establece que dentro dos seis meses seguintes, o Goberno ou o órgano correspondente deberá informar sobre o cumprimento dado ás mocións aprobadas pola Cámara.

O senador mariñán, José Manuel Balseiro, explica que, en resposta oficial ás preguntas dos populares, “o Goberno confirmaba en novembro do 2024 que non tiña previsión de facelo a pesar de que existen múltiples axudas para a conservación do patrimonio arquitectónico”. Polo tanto, agarda que “o Goberno de Sánchez rectifique e cumpra o acordo do Senado”.

Os populares agardan, polo tanto, que “o Goberno explique que pasos se deron para liderar a rehabilitación deste monumento declarado Ben de Interese Cultural (BIC)” e que “non sume outro incumprimento máis” en relación ao mosteiro.

Primeiro, prometeron unha obra de rehabilitación que superaría os 2M€ con cargo ao Plan Nacional para o turismo Xacobeo 21/22 “que nunca chegou a executarse”. 

E, máis recentemente, solicitaron 3M€ dun proxecto de case 4,3M€ con cargo ao programa do 2% Cultural estatal. Pero “a finais de decembro saíu a resolución, case ás agachadas, en Nadal para que non se entere ninguén, e a solicitude do mosteiro de Lourenzá foi outra vez rexeitada. E non é porque se trate dun ben da Igrexa” porque “entre os máis de 30 beneficiarios destas axudas hai outros inmobles similares”.

Administracións como a Xunta souberon ver o seu valor e promoveron obras de restauración e conservación, pero “é preciso unha actuación máis ambiciosa que tería perfecto encaixe entre as financiadas con cargo a fondos estatais”, segundo consideran os populares.

Comparte éste artículo
No hay comentarios