O Concello de Poio presidido por Angel Montes (PP) vén de reelaborar e presentar á Comisión de seguimento da illa o “documento refundido” da memoria e plano de usos do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para a Illa de Tambo.
Moi ao contrario do que significa a conservación e o mantemento da illa como espazo natural, o goberno local inclúe na súa última proposta a construción de novas infraestructuras como, entre outras, un auditorio, un albergue e un museo, que consumarán a urbanización da parte norte da illa, precisamente a mellor conservada e a máis sensíbel ambientalmente.
No edificio do antigo lazareto, que hoxe só conserva os muros, o plan do concello proxecta un restaurante, cafetería, cociña, aseos e dormitorios. No bloque destinado a albergue inclúense dormitorios, aseos, cociñas, duchas… A isto hai que engadir o edificio do museo, de nova construción. Para abastecer todos eses edificios, o novo documento non recolle ningunha mención ao abastecemento de auga e tampouco prevé o saneamento e tratamento das augas residuais. Semella que ditas infraestruturas serán soportadas pola illa, que carece dun subministro de auga permanente e de calquera instalación de tratamento e depuración. Nada se di tampouco da xestión dos residuos sólidos xerados, nin dos custos económicos que para o Concello de Poio terá a construción e mantemento de todos eses edificios e servizos.
Tambo, un espazo natural en perigo
Como puxo de manifesto en 2023 un estudo coordinado por ADEGA, en Tambo existe unha valiosa biota que pode resultar gravemente afectada pola pretendida urbanización da illa, disimulada dentro dunha figura de conservación da natureza. O número de especies de plantas vasculares atopadas en 2023 foi de 236, aproximadamente o 10% do total da flora de toda Galiza, incluído unha especie de musgo única no país, o que confirma a elevada biodiversidade deste espazo. O longo procedemento para a declaración de ENIL comezou na anterior lexislatura e concretouse nunha proposta inicial de conservación. Mais o actual goberno municipal presidido por Angel Montes recolleu a memoria e transformouna nunha sorte de plano parcial urbanístico que pretende aprobar agora, camuflado baixo a figura de espazo protexido.
Velaí as pretensións do actual Concello de Poio: urbanizar e converter Tambo nun parque temático a maior gloria do turismo masivo valéndose dunha figura de conservación ambiental. ADEGA, a través da comisión de seguimento, xa solicitou ao concello a retirada do «documento refundido de ENIL», no que se inclúen estas medidas, e que se volva á racionalidade ambiental e ao espírito conservacionista explicitado no documento inicial.