O traballo do CITEEC impulsa solucións innovadoras en infraestruturas portuarias, reforzando o seu papel como centro de referencia para proxectos internacionais.
O pasado martes o Port Fòrum de Sant Adriàde Besòs (Barcelona) presenciou a colocación da primeira rocha do que será un reforzo pioneiro do seu dique exterior: unha peza Xbloc que foi ensaiada na dársena multidireccional do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña.
Co obxectivo de conferirlle máis resistencia ao dique fronte ás ondadas e aos fenómenos meteorolóxicos extremos, optouse por reforzar a infraestrutura con pezas Xbloc, un deseño realizado pola empresa catalá Enginyeria Reventós e a holandesa DMC Marine Consultants, propietaria da patente Xbloc.
Ademais das características técnicas que lle achegan estabilidade e robustezfronte á forza do mar, os bloques están concibidos para protexer o ecosistema mariño e reducir o impacto medioambiental da súa fabricación, ao empregarmenos cantidade de formigón e diminuír así as emisións de CO2 respecto aoutras unidades de protección colocadas nos diques.
Para a súa optimización, realizáronse ensaios en modelo físico 3D no Laboratorio da Dársena Multidireccional en Enxeñaría Portuaria do CITEEC. A experimentación, levada a cabo polo Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA), foi clave para analizar diferentes alternativas de mellora da estabilidade do dique, reducir o rebase do mesmo e mitigar a axitación interior xerada polas ondadas.
Tras a fase de ensaios, as obras da infraestrutura do porto comezaron en 2025 e espérase que finalicen antes de abril de 2026, como parte dun plan executado en coordinación entre o porto e as administracións municipais e autonómicas.