Partiron o pasado día 8 e regresarán o 15 de xullo. O programa faise coa colaboración do Centro de Lengua y Cultura Española “Carmen”..
Un grupo de oito mozos laracheses de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos desfrutan nestes días dunha viaxe de intercambio xuvenil que se está a realizar en Tiflis, a capital de Xeorxia. Partiron o pasado día 8 e regresarán o martes da semana que vén.
O programa, no que tamén participan mozos doutros concellos coruñeses como Rois e Tordoia, é organizado polo Centro de Lengua y Cultura Española “Carmen”. Comezou cunha recepción oficial no Concello anfitrión e a posterior visita á Universidade coa benvida do encargado de negocios de España en Tiflis. O xoves visitaron a casa museo de Stalin e a localidade de Miskheta, a antiga capital do país. O venres estiveron na rexión de Kazbegi, incluíndo visitas aos puntos máis destacados e un descenso en barcas polo río Aragvi. Hoxe sábado teñen previsto acudir ao Museo Nacional de Xeorxia e ao Parque Mtastminda. Mañá desfrutarán dunha xornada nas augas termais sulfurosas do Abanotunabi e no barrio de Plekhanov. O luns terán tempo de lecer e o martes emprenderán a viaxe de regreso. A expedición larachesa conta co acompañamento do tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito.
Do mesmo xeito que hai poucos días coa viaxe de intercambio en Venecia na que participaran outros dez mozos laracheses, o Concello continúa apostando por este tipo de programas no verán para ofrecer á mocidade oportunidades para coñecer outros países, idiomas e culturas, potenciar a mobilidade xuvenil, tender pontes para a cooperación transfonteiriza con outros países, contribuír á construción da cidadanía europea e, tamén, para proxectar o Concello da Laracha cara o exterior.