O sector do mar da ría de Arousa diríxese ao Comisario de Pesca da UE, Costas Kadis

O sector do mar da ría de Arousa (Confrarías de pescadores e Agrupacións de produtores de mexillón), a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Plataforma Ulloa Viva queremos trasladar ao Comisario de Pesca da UE as nosas preocupacións polo futuro da ría de Arousa, localizada nas Rías Baixas en Galicia, ante o actual contexto de crise ambiental e presión doutras actividades económicas no sistema Ulla-Arousa.

O río Ulla e a ría de Arousa forman unha unidade ecoxeográfica que non admite separar artificialmente o río da ría, nin as súas utilidades económicas porque, como contempla a Directiva Marco da Auga (DMA), as augas costeiras da ría forman parte do mesmo sistema xunto coas augas de transición e as augas doces do sistema fluvial.

A ría de Arousa e a súa plataforma litoral destacan como a área máis produtiva de Galicia nas actividades de pesca de proximidade (de baixura e litoral), marisqueo e cultivo de bivalvos (principalmente de mexillón), o que se traduce nunha forte interacción co benestar socioeconómico dos concellos costeiros, o arraigo da poboación e a vertebración do territorio.

Algúns datos ilustran a potencia produtiva da ría de Arousa: representa o 10% das descargas españolas de pesca fresca, o 70% do mexillón, o 90% dos parques de cultivo de bivalvos de Galicia, o 45% do total de Permex de marisqueo de Galicia, o 39% da flota galega de pesca, o 69% da flota de acuicultura e auxiliar de pesca de Galicia. Todas estas actividades sostibles do mar, con forte tradición cultural, non só económica, contribúen de xeito decisivo a garantizar a soberanía alimentaria do país.

A riqueza produtiva da Arousa está acompañada da riqueza en biodiversidade, como amosa a variedade de espazos naturais protexidos no ámbito marítimo, marítimo- terrestre e costeiro: Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (ES110001), Parque natural “Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán”, Complexo húmido de Corrubedo (ZEC ES1110006), Complexo litoral de Corrubedo

(ZEPA ES0000313), Complexo Ons – O Grove (ZEC ES1140004), Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira (ZEPA ES0000087), Espazo mariño das Rías Baixas de Galicia (ZEPA – ES0000499), Humedais Protexidos ( Corrubedo, Complexo intermareal Umia – O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira). Esta diversidade ecoxeográfica tamén se amosa a través das singulares paisaxes litorais da ría e a súa importancia identitaria e patrimonial.

Na actualidade diversos proxectos económicos presionan ao sector do mar e ás actividades tradicionais de pesca de baixura, marisqueo e acuicultura de bivalvos, cos seus máis que posibles impactos ambientais. Sinalamos as seguintes ameazas:

1.- O proxecto de instalación da macrocelulosa de Greenfiber S.L. en Palas de Rei, na cabeceira do río Ulla, que captaría diariamente 46 mil metros cúbicos de auga, dos que vertería 30 mil, acompañados de 65 toneladas diarias de contaminantes, directamente ao río.

2.- A concesión de reapertura da mina de cobre de Touro, da que xa sabemos que verte a súa contaminación difusa de metais pesados aos ríos Lañas e Brandelos, afluentes do rio Ulla.

3.- Proxéctase a creación de seis polígonos eólicos na Demarcación Noratlántica.

Estarán ubicados fronte á costa galega e situados todos eles en caladoiros de pesca.

A estas ameazas contra as que a sociedade galega manifestou amplamente o seu descontento, hai que sumar outros factores que aumentan a vulnerabilidade do medio mariño:

4.- A exclusión das augas mariñas costeiras das rías -incumplindo a DMA- da Planificación Hidrolóxica de Galicia-Costa, tanto no Plan Hidrolóxico en vigor como no borrador do Plan Hidrolóxico 2028-2033, elaborado por Augas de Galicia.

5.- O deficiente saneamento da ría de Arousa, pola incapacidade da Xunta de Galicia de dar solución eficaz tanto á xestión das augas residuais de orixe urbano como ás verteduras das instalacións industriais.

6.- A moi deficiente transparencia e información pública disponible sobre a calidade da auga:

  • Non hai información ao público sobre a calidade da auga en tempo real como o sistema SAICA doutras axencias da auga, nin informes anuais de calidade das masas de auga.
  • O visor de Augas de Galicia (Xunta de Galicia) non mostra información relativa a vertidos, permisos de obras ou usos da auga.
  • A rede de aforos de Augas de Galicia non está integrada na Rede Integrada de Estacións de Aforo (SAIH-ROEA), a diferenza doutras axencias da auga. Varias estacións non ofrecen datos de caudal, só datos de nivel. Hai estacións de aforo que nin sequera proporcionan medicións de nivel, sistemas de aforo con longos períodos sen medicións, etc.
  • Non existe un protocolo de desencoros que evite a elevada mortandade de bivalvos ocasionada pola forte baixada de salinidade nos meses de choivas intensas.

7.- O punto de vertido de dragados portuarios de Sálvora (E/8) e a zona B (alternativa) están ubicados no canal de entrada das augas do afloramento e sometidos a fortes correntes de marea que trasladan os fangos contaminados cara ao interior da ría de Arousa.

Ante todas estas agresións ao medio mariño e en particular ao sistema fluvial- mariño Ulla-Arousa, solicitamos a súa intervención en calidade de Comisario de Pesca da UE, para que se protexan as actividades da pesca, marisqueo e acuicultura extensiva de bivalvos na ría de Arousa e no conxunto da costa galega.

En Vilagarcía de Arousa, a 9 de xullo de 2025

Juan José Rial Millán, Patrón Maior da Cofradía da Illa de Arousa.

Xaquin Rubido, Presidente da PDRA

Juan Pedro Sanchez, Presidente da Plataforma Ulloa Viva

Comparte éste artículo
No hay comentarios