SGHN: Sentenza do TSXG pola contaminación da Limia: 17 anos despois, venceu a razón

2 de decembro de 2008: D.X. de Calidade e Avaliación Ambiental

Despois de varias alegacións a diversos proxectos de macro-granxas, SGHN solicita por primeira vez “Que a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental estableza unha moratoria no trámite de solicitudes de instalación ou ampliación de explotacións gandeiras estabuladas na chaira limiá ata que se avalíen os efectos sinérxicos e acumulativos das xa existentes sobre os valores hidrolóxicos, botánicos e faunísticos da Limia.” No escrito presentado por rexistro solicitábase tamén “Que a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental escomence os trámites para ordenar dende un punto de vista ambiental as explotacións gandeiras estabuladas na chaira limiá.”

Verán de 2011

Cando SGHN leva presentadas xa unha ducia de alegacións a macro-granxas na chaira Limia e solicitudes de moratoria, acontece o primeiro gran episodio masivo de proliferación de cianobacterias tóxicas no encoro das Conchas, 8 km augas abaixo da chaira da Limia.

3 de novembro de 2014: CHMS

SGHN remite á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) a “Análise estatística, xeo-hidrográfica, demográfica e de carga gandeira realizada por SGHN en base ao Estudo do CSIC para a CHMS sobre a orixe da carga de nutrientes no río Limia” (ver máis…).

10 de novembro de 2014: S.X. de Medio Rural e Montes

SGHN solicita ao Secretario Xeral de Medio Rural e Montes unha moratoria á instalación ou ampliación de explotacións gandeiras estabuladas na chaira limiá.

2 de novembro de 2018: Fiscalía de Medio Ambiente

SGHN remite á Fiscalía de Medio Ambiente de Ourense as súas reiteradas alegacións á construción ou ampliación de granxas na Limia “para dilucidar si existen ou non responsabilidades penais por parte dos funcionarios ou cargos de libre designación da Consellería de Medio Ambiente que asinaron, e seguen a asinar, as autorizacións de novas granxas ou ampliación das existentes na cabeceira do río Limia“.

12 de decembro de 2018: Presidente da Xunta

SGHN remite unha carta aberta ao Presidente da Xunta informándoo da degradación das augas subterráneas na Limia e de que viña pedindo dende facía 10 anos unha moratoria para novas granxas ou ampliacións das existentes na Limia. SGHN salientaba que “é preciso solucionar o problema sen deixar que medre máis e buscar un tratamento aceptable e legal para os residuos, que terá que pasar por unha reordenación das granxas existentes” (ver máis…).

19 de novembro de 2021: anulación da DIA dunha granxa

Cunha demoledora sentenza, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tumba a declaración de impacto ambiental da ampliación dunha granxa en Rairiz de Veiga ao aceptar os sete motivos de nulidade esgrimidos polos veciños afectados. A aceptación de cinco deses sete motivos baseouse total ou parcialmente nos argumentos repetidos ata a saciedade por SGHN nas súas alegacións (ver máis…).

11 de xullo de 2025: por fin vence a razón

Cando SGHN leva presentados case 70 escritos por rexistro, dirixidos ás Consellerías de Medio Ambiente e de Medio Rural, á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, ao Presidente da Xunta de Galicia e á Fiscalía de Medio Ambiente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia establece nunha sentenza pioneira en Europa que a contaminación xenerada pola proliferación de granxas na cabeceira da bacía do Limia:

  • Supón “a vulneración dos dereitos fundamentais dereito á vida e na súa relación co dereito á intimidade e á inviolabilidade do domicilio, á propiedade (art. 33.1 CE) vinculados ao gocer da auga, todos eles en relación co dereito ao goce dun medio ambiente saudable e adecuado ás necesidades das persoas do art. 45 da Constitución Española”.
  • Débese “á inactividade das Administracións Públicas demandadas (Xunta e CHMS), que a pesar de coñecer a situación e estar legalmente obrigadas a iso, non foron capaces de poñer remedio algún”

Como na sentenza do 19-11-2021, os argumentos reiterados unha e outra vez por SGHN e ignorados polas administracións “competentes” resultan decisivos para que o TXSG dicte esta sentenza pioneira en Europa.

Qué mágoa, que enorme mágoa! Canto dano ao medio ambiente e a saúde dos habitantes da Limia se tería aforrado facendo caso a SGHN hai 18 anos!!!

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios