O PP de Cervantes logra gravar os plenos municipais “para que os veciños coñezan de primeira man os asuntos abordados”

O portavoz, Óscar Fernández, lembra que “o goberno municipal socialista se viña opoñendo á súa gravación” e, incluso, “votaron en contra dunha iniciativa do PP”.

O Partido Popular de Cervantes consegue gravar o Pleno municipal “para que os veciños e veciñas coñezan de primeira man os asuntos tratados polos distintos grupos políticos no Concello sen necesidade de asistir de forma presencial”. 

Os populares explican que “ao tratarse dun acto público, calquera cidadán pode gravar o pleno, como recollen varias sentenzas do Tribunal Constitucional ou o Tribunal Supremo e como ten suxerido a Defensora del Pueblo”. Así, o PP de Cervantes procederá á gravación das vindeiras sesións plenarias, “a pesar de que o goberno municipal socialista se viña opoñendo”.

O portavoz, Óscar Fernández, explica que “fai un tempo o noso grupo municipal presentara unha moción pola que se instaba ao goberno local socialista a instalar os medios precisos para a gravación dos Plenos e a súa difusión en streaming,pero votou en contra desta iniciativa”.

“O pasado 9 de xullo, empregando medios propios e atendendo ao disposto legalmente, o Grupo Municipal Popular procedeu á gravación do Pleno empregando medios propios”, engade. 

“A partir de agora levaremos a cabo a súa gravación en cada unha das vindeiras sesións plenarias”. A súa difusión farase a través dunha canle específica da plataforma YouTube(https://www.youtube.com/@PLENOS.CONCELLO.CERVANTES) de forma que “calquera persoa interesada pode acceder ao contido completo dos Plenos en vídeo”.

A última sesión plenaria xa está dispoñible na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=Um1io8kkYb4.

Comparte éste artículo
No hay comentarios