Arias informa a empresarios do Ceao e as Gándaras das axudas da Xunta para mellorar a seguridade e a competitividade dos polígonos industriais

O Goberno galego concede ata 120.000 euros para financiar os proxectos, que poden incluír a obtención de selos de calidade.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, reuniuse hoxe con representantes da asociación de empresarios dos polígonos do Ceao e As Gándaras, en Lugo, para informalos das axudas convocadas pola Consellería de Economía e Industria destinadas a mellorar as áreas industriais.

As achegas van dirixidas ás agrupacións de empresarios, entidades de conservación e comunidades de propietarios destas superficies. Os investimentos poden centrarse na mellora da seguridade e a competitividade dos polígonos, incluída a obtención de selos ou certificacións de calidade que acrediten que a área cumpre con determinadas características diferenciais e superiores á media en distintos ámbitos.

Os proxectos deberán desenvolverse ao longo dos anos 2025 e 2026 e o financiamento da Xunta cubrirá o 80% do importe das accións subvencionables, ata un máximo de 120.000 euros. 

Arias destacou que este programa busca “mellorar a xestión e a imaxe dos parques empresariais”, contribuíndo a que as firmas que están asentadas neles “dispoñan dunhas condicións máis seguras, sustentables e competitivas”. 

Tipos de actuacións 

As actuacións en materia de seguridade poden consistir na implantación de sistemas contra incendios ou inundacións; dispositivos que permitan reducir os riscos de accidentes – excepto os relacionados directamente coa circulación viaria -; así como equipamentos de vixilancia ou de control de accesos, entre outros.

En canto á mellora da competitividade, incluirán sistemas de uso común que melloren o desenvolvemento da actividade empresarial. No que respecta ás certificacións de calidade, deben ter recoñecemento a nivel nacional ou internacional e poden centrarse en distintos ámbitos (accesibilidade, avaliación das infraestruturas, xestión enerxética, servizos comúns ofrecidos, sustentabilidade ou conectividade, entre outros).

Comparte éste artículo
No hay comentarios