Medio Rural organiza en Arzúa unha xornada sobre a escarda mecánica para reducir o emprego de fitosanitarios no cultivo do millo forraxeiro

A iniciativa ten como obxectivo mostrar a maquinaria necesaria e analizar os factores que se deben ter en conta para un bo control das herbas non desexables a través do seu emprego.

A Consellería do Medio Rural organizará mañá xoves en Arzúa unha xornada centrada na demostración de maquinaria específica para reducir ou evitar o emprego de fitosanitarios no cultivo do millo, aínda que pode ser extrapolable a outro tipo de cultivos. Esta acción está en liña coa Política Agraria Común, que leva anos establecendo unha produción sostible e respectuosa co medio ambiente.

No evento analizaranse os factores que se deben ter en conta durante o emprego da maquinaria para un bo control das herbas non desexables. O estado do terreo, a regulación da maquinaria en función dese estado e a velocidade de traballo son factores clave para un bo control da vexetación. Ademais, farase fincapé na importancia de realizar os traballos no momento en que a herba se está implantando.

O programa inclúe unha exposición sobre os ensaios realizados, a presentación dos equipos empregados e tres demostracións en campo coa aixada rotativa arrastrada, a binadora e a gradilla de púas. A actividade pecharase cunha posta en común das impresións das persoas participantes.

A actividade está dirixida a persoas que traballan nos sectores produtivos vinculados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria ou coa cadea forestal-madeira, así como a quen teña expectativa de incorporarse a estes ámbitos, especialmente mozos e mozas do medio rural galego.

A xornada formativa está promovida polo Departamento de Investigación e Transferencia da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, organismo adscrito á Consellería do Medio Rural.

Comparte éste artículo
No hay comentarios