Saneamento das Gándaras en pausa: O PP de Lugo urxe ao alcalde a actuar e responder á Xunta

Tras a reunión mantida na mañá de hoxe entre os representantes do Grupo Popular e a Asociación de Empresarios dos polígonos do Ceao e As Gándaras, o colectivo empresarial demandou a necesidade de facer un mapeo das empresas dos polígonos, destacaron a importancia do Emplefest e a necesidade de facer promoción do sector empresarial asentado nos polígonos así como demandaron ter un maior coñecemento das obras que se están a realizar nos mesmos.

Trala reunión, a voceira do Grupo Municipal do Partido Popular esixiu ao goberno local que dea resposta urxente ao requerimento enviado pola Xunta de Galicia no mes de marzo de 2024 sobre a “Modificación do proxecto construtivo da conexión exterior de saneamento do proxecto sectorial do parque empresarial das Gándaras (Lugo)”, pendente desde hai case ano e medio. Elena Candia amosou a súa preocupación polo bloqueo deste proxecto clave para o desenvolvemento económico da cidade.

O documento foi sometido a información pública tras a súa aprobación inicial o pasado 16 de febreiro de 2024 e publicado no Diario Oficial de Galicia o 19 de marzo do mesmo ano. A Xunta, conforme á Lei 3/2022 de áreas empresariais de Galicia, solicitou o informe preceptivo ao Concello de Lugo, que segue sen emitir resposta.

Esta solicitude foi recibida no Concello o 21 de marzo de 2024 e a súa petición foi reiterada pola conselleira na súa visita ao polígono o 20 de marzo de 2025 ante a presencia do alcalde. O grupo municipal do Partido Popular, na súa labor de fiscalización, fixo a consulta na consellería e confirman que este requerimento non foi respostado, polo que no día de hoxe requerirán esta resposta a través dun escrito presentado no rexistro xeral municipal.

 “A falta de resposta do goberno local está a paralizar a mellora das infraestruturas nos polígonos e a frear a creación de emprego e investimento en Lugo. O solo industrial é unha prioridade para garantir o futuro económico da cidade, e non pode estar secuestrado pola deixadez do alcalde”, afirmou o voceiro popular.

O Grupo Municipal do PP insta ao alcalde a asumir a súa responsabilidade institucional e a desbloquear canto antes este trámite esencial para avanzar no desenvolvemento do parque empresarial das Gándaras e, por extensión, do tecido produtivo lucense.

Comparte éste artículo
No hay comentarios