Este venres, 18 de xullo , a Capela do Centro Cultural Torrente Ballester acolleu unha xornada de divulgación e concienciación organizada por ASARGA en colaboración co Concello de Ferrol.
Durante o acto proxectouse o documental “O Sarcoma Día a Día”, unha peza audiovisual que recolle diversos testemuños de persoas afectadas por esta enfermidade. O evento contou coa presenza da concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, e da vicerreitora do Campus Industrial de Ferrol e de Responsabilidade Social, Ana Ares. Entre o público asistente atopábanse tamén representantes de diversas entidades sociais da cidade como Alcer, Cáritas, Affinor, ASCM, o Patronato Concepción Arenal ou Equiocio Social.
O acto deu comezo coas intervencións institucionais. A concelleira Rosa Martínez Beceiro salientou a importancia de apoiar iniciativas como esta e lembrou o festival benéfico organizado por ASARGA o pasado ano e celebrado no Teatro Jofre, avanzando que desde a súa concellería seguirán prestando apoio. Pola súa banda, Mayte Deus, presidente de ASARGA, agradeceu o respaldo do Concello e puxo en valor a implicación da mocidade, facendo referencia á colaboración recente con dúas alumnas do Grao en Xestión Industrial da Moda do Campus Industrial de Ferrol para o deseño e lanzamento dunha camiseta conmemorativa do Día Internacional do Sarcoma.
O acto pechouse coa actuación de tres mozas da Banda de Música de Ferrol, que interpretaron varias pezas musicais como colofón á xornada.