O BNG celebra que a Deputación leve ao pleno de xullo a aprobación do proxecto de remate das obras da DP-2302 en Dumbría

O BNG de Dumbría levara ao pleno de abril no concello un rogo onde solicitaban que a Deputación licitase o proxecto.

O BNG de Dumbría celebra que a Deputación Provincial da Coruña inclúa na próxima sesión plenaria a aprobación do proxecto de terminación das obras de mellora da seguridade vial na DP-2302, entre Hospital e Brens (do punto quilométrico 2+100 ao 5+890), que o BNG considera «fundamental para a seguridade viaria do concello».

As obras, incluídas orixinalmente no Plan de Investimentos en Vías Provinciais 2019 cun orzamento de 995.368 euros, foron adxudicadas en 2021 á empresa HORDESCON S.L. por 826.753 euros. Porén, a compañía abandonou os traballos, obrigando á Deputación a resolver o contrato en xuño de 2024 tras múltiples incumprimentos de prazos e que o asunto chegara aos xulgados, que lle deron a razón ao ente provincial.

«Esta estrada é unha vía fundamental para a comunicación dos nosos núcleos rurais e a súa mellora non podía seguir adiándose, polo que agardamos que sexa aprobada no pleno e que poida ser licitada con axilidade e ver realizada esta obra o antes posíbel», manifestou o voceiro municipal do BNG deDumbría, Xaime Trillo, que xa levara en abril ao pleno da corporación dumbriesa un rogo onde solicitaba que a Deputación licitase o proxecto.

Comparte éste artículo
No hay comentarios