A Coruña acollerá no mes de outubro o Congreso “Arquitecturas do mar: Océano Atlántico”

Está organizado no marco do proxecto europeo SEALabHaus,conformado por 12 socios e liderado pola UDC. 

A Coruña acollerá no mes de outubro o congreso “Arquitecturas do mar: Océano Atlántico”, que suporá o peche e entrega de conclusións do proxecto europeo SEALabHaus, liderado pola Universidade da Coruña, cuxo investigador principal é Óscar Fuertes, da ETSAC. 

Actualmente, e ata 15 de marzo de 2026, está aberta a convocatoria para o envío de resumos para esta cita na que se propón un cambio de perspectiva ao considerar o Atlántico non como un límite, senón como un territorio construído e historicamente interconectado. 

Un marco no que as persoas participantes poderán reflexionar sobre o océano e as súas costas como espazos configurados por intercambios culturais de longa duración, infraestruturas en evolución e as experiencias vividas das comunidades litorais. Lonxe de entender o mar como un baleiro, o congreso abordarao como un contorno construído dinámico no que converxen procesos arquitectónicos, turísticos, ambientais, económicos e sociais, revelando así o Atlántico como un ámbito fundamental para comprender as transformacións contemporáneas.

As contribucións poderán presentarse nas seguintes áreas temáticas:  

• Arquitectura das industrias e oficios tradicionais do mar 

• Turismo azul e paisaxe litoral 

• O Atlántico como territorio de investigación (reciprocidades) 

Para ver máis información consultar neste link: https://udc.es/en/sealabhaus/Congreso-Cientifico/

Todos os resumos serán sometidos a un proceso de avaliación cega por pares, a cargo do Comité Científico. A comunicación de aceptación ou rexeitamento realizarase no mes de maio de 2026.

Claves do proxecto SEALabHaus

O proxecto europeo SEALabHaus, liderado pola Universidade de A Coruña, e cofinanciado polo Programa Interreg Atlantic Area 2021-27 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; e conta con 12 institucións socias do proxecto, procedentes de Irlanda, Francia, Portugal, Canarias e Galicia.

Como reto principal está a creación dun laboratorio transnacional, unha plataforma que sirva para a interconexión e difusión de iniciativas que axuden a transformar, revitalizar e potenciar o ecosistema costeiro, a súa arquitectura, cultura, bens e profesións; en equilibrio co mar como factor clave de resiliencia, benestar e sostibilidade.

As arquitecturas do mar engloban as construcións litorais: fábricas de salgadura, fábricas baleeiras, fábricas conserveiras, serradoiros, carpinterías de ribeira, estaleiros tradicionais, cetarias, muíños de mareas e construcións adxectivas (ramplas, secadoiros ou casetas de pescadores, entre outros), entendidas como arquitecturas propias do seu lugar de orixe e de transición entre o mar e a terra que debuxan a paisaxe da costa.

Comparte éste artículo
No hay comentarios