Os clans de Cambre aseguran que non consentirán que se toque a súa cultura, patrimonio e historia.
Os clans castrexos de Cambre agradecen a implicación e participación dos veciños e veciñas nesta Romaría Castrexa que tanto custou facer realidade. Cun programa sinxelo pero cargado de sentimento castrexo por tódolos recunchos, a Romaría Castrexa tiña como obxectivo manter o espírito da Galaicoi máis vivo que nunca e encher de vida o castro coa presenza duns trescentos castrexos e castrexas, que conviviron nunha xornada moi especial na que non faltaron o son das gaitas e das pandeiretas.

Os clans de Cambre demostraron, con esta romaría, que non están dispostos a que ningún político ou goberno, independentemente da súa ideoloxia, xogue coa súa cultura, a súa historia e o seu patrimonio porque, como bos Castrexos que son, defenderon e defenderán sempre os seus principios custe o que custe.
Ademais dun día de romaría e encontro entre clans, no marco da Romaría Castrexa de Cambre, representouse a peza teatral “Asemblea de Clans de Terra de Nendos”, unha recreación chea de humor, memoria e identidade, ambientada nun tempo no que os pobos galaicos celebran o aniversario da súa vitoria fronte ás lexións romanas. Os distintos clans reuníronse no Castromaior para lembrar aquel día de resistencia e analizar, entre sátira e reflexión, a situación actual: os romanos non regresan, pero as ameazas seguen presentes, xa sexan externas ou internas.

A través dunha sucesión de diálogos áxiles e cargados de ironía, os personaxes poñen en valor a cultura castrexa, a defensa do territorio, a vida en comunidade e o orgullo de ser quen son. A obra remata cunha mensaxe clara: mentres haxa unión e identidade, non hai imperio que poida vencer a vontade dun pobo que resiste con alegría e dignidade.

Trala Asemblea de Clans, os castrexos e castrexas percorreron a centro da vila ata chegar ao parque da igrexa, onde volveron a soar a música tradicional, antes de regresar ao castro a gozar do resto da tarde tal cal o farían os castrexos que habitaron Cambre no pasado.
A Romaría Castrexa supuxo unha mostra do compromiso das asociacións veciñais coa posta en valor do Castro de Cambre e do patrimonio cultural do Concello. Unha xornada de convivencia, tradición e cultura popular, que rematou cunha animada foliada entre todas as asociacións participantes.

A Romaría Castrexa mostrou o sentir do pobo de Cambre, deixando claro que o pobo é soberano e acabou impoñéndose ante decisións que querían acalar as súas voces.