XSG sobre o Encoro das Conchas: “A Xunta de Galicia foi condenada, o dano que xeran as macrogranxas é unha realidade”

As Xuventudes Socialistas de Galicia acudiron esta fin de semana á comarca da Baixa Limia para advertir da situación do Encoro das Conchas, unha semana despois da sentencia do Tribunal Superior de Xustiza.

Xunto a organización xuvenil, tamén acudiron representantes do PSdeG como o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, ou o secretario de medioambiente do PSdeG, Rubén Prol. Ambas organizacións puxeron en valor a denuncia histórica dos compañeiros da Limia e da Baixa Limia, así como os controis que a veciñanza e a Confederación foron tomando, malia o desinterese da Xunta de Galicia.

Borja López, coordinador provincial de XSG, sinalou “a gravidade do que está a acontecer e a mocidade ourensá non se resigna. Ao igual que con Altri, non pode haber silencios, cando se está a contaminar un espazo de patrimonial e de lecer deportivo tan importante”.

Xurxo Doval, secretario xeral de XSG, denunciou que “as macrogranxas, que gozan do enmudecemento doutras formacións, contaminan o equivalente a 7 veces a poboación da provincia de Ourense”. “Polo tanto, ata que non se vaia á raíz so asunto, da igual cantos controis e tecnoloxía invistamos en limpar as augas, que os culpables seguirán sen pagar un euro; é un problema de política agraria e de gandaría industrial, impulsar un cambio de modelo correspóndelle á Xunta de Galicia, ningún partido pode mirar cara o outro lado cas macrogranxas despois dunha condena por vulneración de dereitos fundamentais”, sentenciou.

Pola súa banda, Rubén Prol, secretario de medioambiente do PSdeG, puxo en valor “o traballo dos colectivos veciñais e a recolección de dados que demostran o perigo para a saúde das persoas e o dano á calidade de vida que se produce como resultado da contaminación das augas”.

Tamén, Ramón Alonso, alcalde de Entrimo, lamentou que “esta situación poña en perigo o patrimonio natural e histórico, xerando un problema socioeconómico e medioambiental para os concellos da zona”.

Ambas formacións anunciaron que seguirán apoiando a loita en todos os eidos institucionais; os socialistas xa fixemos preguntas á Comisión sobre a situación na Limia e promoveremos a continuidade da petición ao Parlamento Europeo relativa á contaminación do encoro das Conchas, á vista ademais dos feitos novos que achega a recente sentenza do TSX de Galicia.

Os socialistas defenderán a calidade das augas dende Ourense ata Europa, chegando ata o final porque “somos a única voz galega en Bruxelas a lexislatura completa”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios