Así será a primeira edición da Onda de Nemiña o 31 de xullo: surf, música e gastronomía en Muxía

Haberá clases gratuítas de surf, un concurso de figuras de area, un campeonato para non surfistas, concertos e premios.

O próximo xoves 31 de xullo a praia de Nemiña acollerá unha xornada de surf, música e gastronomía: A Onda de Nemiña. Esta será a primeira edición dun evento que espera converterse en recurrente na praia, un dos destinos preferidos polos amantes do surf na Costa da Morte. Dende pola mañá haberá clases gratuítas de surf, un concurso de figuras de area, un campeonato para non surfistas, un vermú conxunto na praia, concertos e moitos premios. 

A Onda de Nemiña forma parte da programación de Muxía Itinerante, un programa organizado por Muxía Cultural co obxectivo de sacar a cultura do núcleo do Concello e levala a distintas localizacións de toda a contorna aproveitando os meses de verán, descentralizando así a oferta cultural para facela máis accesible para toda a poboación.

A Onda de Nemiña desenvolverase en dúas localizacións da propia praia: as actividades do día serán na zona da Pasarela, e os concertos da noite na contorna do Saburil. Para participar nas actividades da Onda de Nemiña é necesario inscribirse no correo muxiacultural@gmail.com, chamando ao número 981 74 25 63, ou de forma presencial na Biblioteca de Muxía.

Este será un dos principais eventos dentro da programación de Muxía Itinerante xunto ao Feirón de Senande, que se celebrará o vindeiro 4 de agosto cunha aposta renovada, con máis postos e música. 

Programación da Onda de Nemiña: 

A programación comezará ás 12:00 horas co inicio do Concurso de figuras de area. Poderán participar grupos de máximo 4 persoas, e o premio será unha clase grupal de surf. Os grupos terán ata as 18:00 horas para completar ás súas obras.

Pola mañá tamén haberá dúas clases gratuítas de surf, ás 12:00 e ás 13:00 horas. Poderán participar adultos e nenos e nenas maiores de 8 anos. 

Ao medio día haberá un vermú musical. Polo que dende a organización convidamos a que cada persoa traia a súa comida para compartir un bonito xantar conxunto na praia. 

A xornada da tarde comezará ás 16:30 horas cunha Charla sobre o mar. E ás 18:15 horas dará comezo o Campeonato de surf para non surfistas. O obexctivo é pasalo ben, polo que animamos aos participantes a vir vestidos de forma divertida. Haberá un neopreno de premio para o mellor show.

Finalmente á noite haberá triple sesión de concertos con Family Folks, Los Lunes al Sol e Rubén PB. 

Sobre Muxía Cultural

Muxía Cultural é un proxecto do Concello de Muxía e a cooperativa cultural Horta Creativa que ten o obxectivo de consolidar unha escena cultural forte en Muxía, poñendo en valor todo o que a vila e a comarca teñen que ofrecer, e organizando eventos que combinen a tradición, a gastronomía, a contorna e o patrimonio da zona. A Festa do Congro foi o primeiro evento da programación de Muxía Cultural a pasada Semana Santa, seguido do Maio das Letras.

Para o verán Muxía Cultural ten preparado distintas actividades: Muxía Itinerante, un programa que levará a cultura a distintos recunchos da comarca durante os meses de xullo e agosto; a Festa do Carmen, que se celebra esta semana; e a feira mariñeira Rutas do Mar, que se celebrará os días 9 e 10 de agosto, cunha programación que se comunicará nas próximas semanas. 

Máis información actualizada sobre a programación de Muxía Cultural nas súas redes sociais: https://www.instagram.com/muxiacultural/ e https://www.facebook.com/muxiacultural



Comparte éste artículo
No hay comentarios