A medida, de carácter permanente e asumida polo Estado, beneficiará máis de 2,4 millóns de persoas no conxunto do Estado, sen custo para as Comunidades Autónomas.
O Bloque Nacionalista Galego celebra a aprobación definitiva da norma que contempla a exención do pago do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) ás persoas perceptoras do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), un logro conseguido grazas a un acordo do BNG co Goberno do Estado e incorporado por medio dunha emenda transaccional ao Proxecto de Lei de Responsabilidade Civil e Seguro na Circulación de Vehículos a Motor.
Este avance supón un importante alivio fiscal para milleiros de traballadoras e traballadores con rendas baixas e representa un paso firme para unha maior xustiza social e fiscal. A exención será asumida integramente polo Estado, sen repercusión sobre os orzamentos das Comunidades Autónomas nin das entidades locais, garantindo así que esta medida non afecte negativamente á prestación de servizos públicos esenciais.
En concreto, na Galiza beneficiaranse 135.900 persoas que actualmente perciben o SMI, o que lles permitirá aforrar arredor de 340 euros anuais cada unha. A nivel do conxunto do Estado, máis de 2,4 millóns de persoas verán directamente mellorada a súa situación económica grazas a esta medida.
Ademais, para evitar o chamado “efecto escalón” —que penaliza levemente quen supera por pouco os límites do SMI— a iniciativa inclúe unha dedución progresiva no IRPF para todas as persoas con ingresos derivados dunha relación laboral ou estatutaria de até 18.276 euros anuais, ampliando así de maneira significativa o número total de persoas beneficiadas.
“Esta é unha medida de sentido común e de dignidade. Non é razoábel que quen cobra o salario mínimo teña que pagar IRPF como se estivese nunha situación económica desafogada. Con esta exención avanzamos para unha fiscalidade máis xusta, onde quen menos ten deixa de ser quen máis achega proporcionalmente” destaca o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
A proposta do BNG foi incorporada ao articulado lexislativo que modifica o texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos a motor (RDL 8/2004) e a Lei 20/2015, de ordenación, supervisión e solvencia das entidades aseguradoras e reaseguradoras. Após ter pasado pola cámara alta e a súa volta ao Congreso para a súa aprobación definitiva, a organización nacionalista sinala que aentrada en vigor desta medida marca un novo fito nas conquistas impulsadas pola formación nacionalista en Madrid.
“O BNG quere destacar que esta medida é permanente, non está suxeita a revisión anual nin depende de disposicións regulamentarias posteriores, o que garante estabilidade e seguranza para as persoas traballadoras con rendas baixas” afirma Rego. O feito de que o custo sexa asumido exclusivamente polo Estado tamén evita que haxa recortes ou compensacións á conta das competencias das Comunidades Autónomas, algo especialmente relevante no caso galego.
Co BNG, Galiza e as maiorías sociais gañan
Este acordo, sinala o deputado nacionalista, representa un novo exemplo do traballo serio e eficaz que o BNG está a desenvolver nas Cortes do Estado. “Con só un deputado, o Bloque demostra que se pode ter unha voz decisiva en Madrid cando se actúa con firmeza, principios e vontade real de mellorar a vida da xente. O papel do BNG está a ser chave para arrincar compromisos e conquistas que teñen un impacto directo na realidade das maiorías sociais galegas” subliña.
“Temos claro que estamos en Madrid para defender os intereses da Galiza e das clases populares. Cada avance que conseguimos, como este, é unha mostra de que se pode facer política útil ao servizo da xente. Non nos conformamos con xestos ou discursos; traballamos por resultados concretos, por melloras reais na vida das persoas” engade Rego.