A eurodeputada do BNG comprométese a seguir traballando para que se coñeza toda a verdade do accidente acontecido hai 12 anos.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, no 12 aniversario do accidente do Alvia, anunciou a presentación dunha nova denuncia na Comisión Europea para reclamar o desenvolvemento dunha investigación independente, tal e como sinalaron as institucións europeas e que motivaron a apertura do procedemento de infracción por parte da CE no 2019, para que o Estado realizara unha investigación independente.
“Porque que dicía o informe da Axencia Ferroviaria Europea? Dicía que as causas profundas de accidente había que investigalas. Que non era un fallo mecánico, que non era un fallo humano, que era realmente unha causa profunda de non ter un sistema de freado automático como esixe a directiva europea”, subliñou a eurodeputada galega, quen denunciou que nestes anos non se fixo esa investigación independente porque ao seu xuízo “hai demasiados intereses dos gobernos das dúas cores”.
Ana Miranda salientou o traballo desenvolvido polo BNG durante estes anos ao carón das vítimas, levándoas a Bruxelas para falar coas institucións europeas, “pelexando contra o Estado, contra 27 estados. É un día moi emotivo porque está claro que as vítimas e a asociación de vítimas do Alvia toman outro rumbo. Un rumbo no que queren pasar páxina, pero eu, como eurodiputada do BNG e tamén persoa que se implicou nisto, política e persoalmente, quero dicir que a páxina política non está pasada”, sinalou.
“Hai corruptos, hai persoas que están vinculadas a este caso que seguen tendo actividades, actividades en consultoras, como o señor Pepe Blanco, persoas que deberían de ser investigadas e ter responsabilidades políticas, e responsabilidades penais por este accidente”, manifestou en relación á falta de asunción de responsabilidades por parte dos cargos con responsabilidade pública tanto no momento de inaugurar a liña de tren como no momento no que se produciu o accidente.
Inxustiza coas vítimas
Diante desta situación, a eurodeputada do BNG comprometeuse a seguir traballando, non só a través da presentación dunha denuncia na Comisión Europea, senón tamén na reapertura da denuncia aberta na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, no obxectivo de que se coñeza toda a verdade do accidente acontecido en Angrois hai 12 anos. “É tanta a indignación despois destes 12 anos que aínda que se disolvan, nós noscomprometemos a seguir traballando, porque esta foi unha das loitas política, social e humana máis importante que eu tiven na miña vida política”, manifestou Miranda, ao tempo que denunciou a inxustiza e falta de humanidade e empatía coas que foron tratadas as vítimas ao longo destes anos.