O BNG de Vimianzo critica a xestión municipal e reclama que os ingresos públicos revertan en servizos

O Grupo Municipal do BNG de Vimianzo realizou unha análise detallada da sesión plenaria celebrada este 23 de xullo, na que destacou varios aspectos clave sobre a xestión municipal e presentou propostas para mellorar os servizos e infraestruturas locais.

O BNG mostrou o seu apoio á implantación de taxas para o uso de espazos e actividades municipais, aínda que expresou a súa preocupación polo destino dos cartos recadados. O voceiro Benxamín Queiro afirmou que esixen que os ingresos se utilicen exclusivamente para mellorar as actividades e instalacións, e non para sufragar outros gastos do Concello. Para reducir a masificación nas aulas e mellorar a calidade dos servizos, o grupo propón aumentar as horas lectivas, dotar de máis materiais e mellorar as instalacións.

En materia cultural, o BNG felicitouse pola achega de 81.000 euros, conseguida desde a área de Turismo xestionada polo propio grupo, destinada a financiar eventos como o festival “Asalto ao Castelo”, a “Feira do Libro” e a creación de murais artísticos.

A formación tamén destacou a unanimidade da corporación no apoio á moción presentada polo BNG en defensa e normalización da lingua galega, valorando o compromiso colectivo coa promoción do idioma propio.

No ámbito das infraestruturas, agradeceu á Deputación da Coruña o financiamento do 95 % das obras da praza de Berdoias e do saneamento en Figaredo, pero lamentou a baixa inversión que o Concello de Vimianzo realiza, segundo os datos do Ministerio de Facenda, que sitúan o municipio no penúltimo posto en investimento por habitante. Benxamín Queiro sinalou que “non nos sorprende os datos, pois o goberno non fai obras con fondos propios, unicamente acomete obras con diñeiro aportado polas administracións para tal fin”.

Durante a sesión, o grupo nacionalista tamén cuestionou a falta de actuacións nos camiños das zonas de O Orbellido e Bamiro. A resposta ofrecida pola alcaldesa foi cualificada polo BNG de “simples escusas”, e acusaron ao executivo local de desatender as necesidades básicas das parroquias.

Os nacionalistas tamén denunciaron o “inaceptable retraso” na licitación do novo contrato do servizo de recollida de lixo, que permanece caducado desde hai case dous anos, malia ter sido xa prorrogado durante un ano. O BNG considera que esta demora é unha mostra máis da “parálise e falta de planificación” por parte do goberno municipal.

Finalmente, o grupo nacionalista solicitou a limitación do tempo máximo de estacionamento para vehículos NON residentes nas rúas Castelao e Antonio Vázquez Mouzo, así como a instalación de prazas reservadas para carga e descarga e para persoas con mobilidade reducida. Esta proposta busca unha mellor regulación do tráfico e facilitar o acceso aos servizos para toda a cidadanía.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios