O proxecto NorAves do CEIDA: GPS para rastrexar os sorprendentes desprazamentos das aves mariñas

O proxecto NORAVES, coordinado polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) en colaboración co Centro Oceanográfico da Coruña (IEO-CSIC), a ONG SEO/BirdLife e a cooperativa Cory’s, obtivo resultados espectaculares no seguimento das aves mariñas galegas mediante tecnoloxías GPS-GSM, revelando comportamentos ata agora descoñecidos que son clave para a conservación destas especies e a súa coexistencia coa actividade pesqueira.

Durante esta primavera, os investigadores de NORAVES instalaron dispositivos GPS en 10 exemplares de pardela cincenta e 6 de gaivota patiamarela, residentes en colonias de cría da costa galega, obtendo datos sen precedentes sobre os seus movementos no mar. Segundo Sergio París, investigador do CEIDA, “a declaración de todo o mar galego como ZEPA nos obriga a buscar fórmulas innovadoras que garantan a coexistencia entre a conservación das aves mariñas e a pesca, que é fundamental para moitas familias do noso litoral. Os datos que estamos a obter con estas tecnoloxías GPS-GSM son revolucionarios e permítennos entender por primeira vez os movementos reais das aves no mar».

Viaxes asombrosas da pardela cincenta

Os resultados máis sorprendentes corresponden á pardela cincenta, unha ave peláxica de hábitos moi oceánicos que dende hai poucos anos estableceu poboacións reproductoras nos illotes da costa galega. Un dos exemplares, denominado «furabocho» polos investigadores, realizou unha travesía épica de 13 días na que percorreu 6.500 quilómetros ata o centro do océano Atlántico, chegando a tan só 600 quilómetros da plataforma continental de Terranova (Canadá).

Durante os 14 días que durou esta extraordinaria viaxe —equivalente á distancia entre Galicia e Paquistán—, a súa parella permaneceu no niño chocando o seu único ovo, sen moverse nin alimentarse.

Outro dato relevante é o rexistro máis septentrional dunha pardela cincenta galega, que se desprazou ata o paralelo 54º (á altura de Irlanda do Norte), detectándose en xeral viaxes máis longos e ao norte dos previamente documentados.

Especialización das gaivotas patiamarelas

No caso das gaivotas patiamarelas, os resultados revelan unha elevada especialización individual que reflicte a súa coñecida capacidade de adaptación. Mentres algunhas gaivotas amosan un comportamento estritamente mariño, realizando patrullas diarias de varias horas ata 80 quilómetros da costa, outras son eminentemente terrestres, alimentándose en prados, cultivos, explotacións gandeiras do interior ou no vertedoiro de Sogama.

Esta información é fundamental para a conservación dunha especie que presenta un grave declive poboacional de causas aínda non esclarecidas.

Mapeo da actividade pesqueira

Un dos principais valores do proxecto NORAVES é a colaboración entre entidades especializadas en diferentes áreas de coñecemento, combinando a experiencia en biodiversidade mariña con expertise en actividade pesqueira para obter unha visión integral do ecosistema mariño galego. A través do seguimento da flota pesqueira durante os últimos anos, o Centro Oceanográfico da Coruña xerou mapas da distribución espacial e temporal das principais artes de pesca. Segundo Lucía Cañás, investigadora principal do IEO no proxecto NORAVES, «é importante saber onde actúa a flota para buscar esas zonas de puntos comúns entre as actividades pesqueiras e as aves. Necesitamos caracterizar tanto a flota industrial de artes maiores como menores, e referenciar nun mapa o esforzo pesqueiro para identificar onde pode haber capturas accidentais de aves«.

Tecnoloxía GPS-GSM revoluciona o coñecemento

Os dispositivos GPS-GSM están revolucionando o coñecemento da distribución e actividade das aves mariñas no mar. Trátase de aparellos de poucos gramos que se instalan temporalmente no corpo das aves e rexistran en tempo real todos os seus movementos. Incorporan GPS para posición, profundímetro para rexistrar mergullos, paneis solares para recarga e tecnoloxía GSM para conexión á rede e descarga diaria de datos.

A información obtida, xunto coa proporcionada polo Centro Oceanográfico da Coruña sobre a flota pesqueira e os datos que achegará Cory’s no mar Cantábrico, permitirá identificar as zonas de maior interacción entre aves mariñas e actividade pesqueira.

O obxectivo final de NORAVES é determinar estas zonas de risco para, en colaboración co sector pesqueiro, identificar medidas adaptadas que garantan a coexistencia entre as aves mariñas e a pesca, un dos sectores clave da economía galega.

 Sobre o proxecto NORAVES

NORAVES desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, e se cofinancia pola Unión Europea polo FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura). NORAVES é froito da colaboración de catro entidades punteiras: o Centro Oceanográfico da Coruña (IEO-CSIC), a ONG SEO/Birdlife, a cooperativa Cory’s e o CEIDA como entidade coordinadora.

Sobre o CEIDA

O CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, é un consorcio conformado pola Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros que leva máis de 20 anos sendo o Centro de Referencia para a Educación Ambiental en Galicia. Ten a súa sede no Castelo de Santa Cruz e na actualidade entre os proxectos que xestiona está o proxecto NORAVES. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios