O PP de Lugo esixe “luces e taquígrafos” a José Tomé para que aclare publicamente “que comprometeu” para seguir na presidencia da Deputación ante a crise interna que ten aberta no PSOE

Antonio Ameijide afirma que “é coñecido que no PSOE a José Tomé non o quere ninguén, agás aqueles aos que é capaz de comprar cada venres cos cartos de todos os lucenses” motivo polo que “todos os lucenses merecemos explicacións: saber que comprometeu a cambio de seguir sentado nese sillón”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular preguntarán no pleno de mañá “canto nos vai custar aos veciños da provincia de Lugo a tregua temporal do Partido Socialista para que José Tomé poida seguir á fronte do goberno da Deputación?”.

Así o explicaron o voceiro popular na Deputación, Antonio Ameijide, e a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia.

Antonio Ameijide indica que “todos os lucenses merecemos ter luces e taquígrafos” na Deputación de Lugo, en referencia a que “José Tomé ten a obriga de explicar claramente que pactou para seguir á fronte da Deputación de Lugo e do Partido Socialista”.

O popular explica que “é coñecido que no PSOE a José Tomé non o quere ninguén, agás aqueles aos que é capaz de comprar cada venres cos cartos de todos os lucenses” motivo polo que “todos os lucenses merecemos explicacións: saber que comprometeu a cambio de seguir sentado nese sillón”.

E precisamente esas son as respostas que o presidente da Deputación ten a obriga de dar no pleno de mañá: “Canto nos vai a custar aos lucenses esa tregua temporal dentro do PSOE; que lle prometeu aos deputados e alcaldes que non o apoian; e canto nos vai a levar pagar esta débeda de José Tomé para que poida seguir á fronte da Deputación e do PSOE lucense”.

“Nestes dous anos de goberno de PSOE e BNG a provincia perdeu moito tempo. A residencia de Becerreá pechada por capricho político, outras con ritmos de construción ridículos e os centros de día sen poñer en servizo. Nula política industrial e de captación de empresas, sen apoio aos emprendedores. As estradas provinciais seguen abandonadas, renunciaron a ser o motor turístico da provincia… Insisto, dous anos perdidos para os lucenses”, sentenciou Ameijide.

MÁIS TENSIÓN NA DEPUTACIÓN CON JOSÉ TOMÉ

A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, recorda que “cando José Tomé asumiu a presidencia da Deputación dixo que quería recuperar a normalidade democrática para a institución”, pero o acontecido nas últimas semanas “cando tres dos seus deputados non asisten a un pleno e impiden, evidentemente, que saían adiante os acordos que impulsa o propio Tomé, a normalidade non existe”.

Elena Candia incide en que “tras unha xornada absolutamente esperpéntica, venderon á cidadanía que chegaron a un acordo” simulando que a situación se reconducira, “pero os acordos das xuntas de goberno da Deputación evidencian o que é a todas luces un pacto oculto”.

“Por iso queremos que explique á cidadanía que acordou José Tomé cos deputados do partido socialistas. Canto lle vai a custar a todos os lucenses a súa falta de entendemento, a súa falta de empatía e a súa actitude ditatorial, que así é definida polos seus propios compañeiros”, sentenciou.

PRIMEIRAS CUOTAS 

Dende o Partido Popular sinalan que, pese a que José Tomé non fixo público o pacto ao que chegaron, “as primeiras cuotas xa se pagaron” en relación ao convenio asinado hai uns días entre a Deputación e o Concello de Castroverde por valor de 562.677,58€.

“Está claro que José Tomé ten unha crise interna aberta dentro do PSOE e que está a usar os cartos de todos os lucenses para tentar calmar as voces internas que critican diariamente a súa xestión”, sentencian.

Comparte éste artículo
No hay comentarios