A Deputación da Coruña participa na homenaxe a Francisco Pérez Carballo e Juana Capdevielle, vítimas da represión franquista

A Deputación participa na homenaxe ao Gobernador Civil da Coruña durante a Segunda República, Francisco Pérez CarballoO deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, participa no descubrimento dunha placa en homenaxe ao Gobernador Civil da Coruña durante a Segunda República, Francisco Pérez Carballo, que foi fusilado tras o alzamento franquista de 1936.

O último gobernador civil republicano e a súa esposa foron asasinados en 1936 a mans dos golpistas.

O deputado portavoz do Goberno provincial da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, participou hoxe no acto de homenaxe e descubrimento dunha placa conmemorativa na sede da Subdelegación do Goberno en lembranza de Francisco Pérez Carballo, gobernador civil da Coruña durante a Segunda República, fusilado tras o golpe militar de xullo de 1936, e da súa esposa, Juana Capdevielle, intelectual e bibliotecaria butalmente asasinada durante o seu embarazo semanas despois.

No acto participaron tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e familiares de Francisco Pérez Carballo, nun emotivo acto de memoria, reparación e dignidade.

Durante a súa intervención, Bernardo Fernández destacou que o acto servía para “lembrar, reparar e dignificar a memoria” de Pérez Carballo, “non só como servidor  público, senón como símbolo de compromiso coa democracia, coa xustiza e coa liberdade”. Lembrou que con tan só vintecinco anos, este fillo dunha familia galega emigrada a Madrid asumiu con valentía a responsabilidade de representar ao Goberno democrático da República “nun tempo escuro e difícil, sabedor do risco que corría”.

O deputado provincial subliñou que a placa instalada na fachada do edificio lembra non só a figura de Pérez Carballo, senón tamén a de todas as persoas que foron vítimas da arepresión franquist: “Porque a memoria é xustiza. E sen verdade e sen reparación non pode haber democracia plena”.

Na súa intervención, tamén fixo referencia a outras vítimas da represión na provincia, como Alfredo Suárez Ferrín, alcalde da Coruña; Ánxel Casal, alcalde de Santiago; ou José López Bouza, presidente da Deputación, todos eles cargos democraticamente elixidos e executados por defender a legalidade constitucional e defendeu que actos coma este son necesarios, xa que “aínda hoxe hai quen xustifica aquela barbarie”.

Neste sentido, reivindicou que a Xunta de Galicia destine tamén recursos públicos a recuperar a memoria dos represaliados polo franquismo, como están facendo o Goberno de España e os concellos. 

“O nome de Francisco Pérez Carballo queda desde hoxe gravado nesta parede, pero sobre todo na nosa memoria colectiva. Representou, en palabras dos seus compañeiros, ‘o mellor da República’”, concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios