A programación deste galardón tamén inclúe o recoñecemento a José Suárez como fotógrafo histórico e a inauguración da exposición das fotografías gañadoras e finalistas do certame.
Os fotógrafos Joan Fontcuberta e Juan Manuel Castro Prieto serán os invitados de luxo da 20ª edición do Premio ‘Luís Ksado’ de creación fotográfica da Deputación. Ambos profesionais, recoñecidos co Premio nacional de fotografía, impartirán cadansúa clase maxistral: no caso de Fontcuberta o 1 de outubro e no caso de Castro Prieto o día 6 do mesmo mes. As inscricións para asistir a estas conferencias abren este sábado, día 1 e poden formalizarse na páxina web https://www.dacoruna.gal/cultura/premios/ksado/.
Ambos relatorios terán lugar no Centro Ágora da Coruña e o horario será de 16:30 a 20:00 horas. Toda a información sobre estas charlas e o resto da programación relacionada con este galardón que entrega a entidade provincial pódese atopar nesta ligazón: https://www.dacoruna.gal/cultura/premios/ksado/.
A deputada de Cultura, Natividade González, asegurou que “o premio ‘Luís Ksado’ que entrega esta casa continúa ganando prestixio ano a ano, atraendo sempre para estas clases maxistrais a figuras do máis alto nivel nacional e internacional”. Insistiu a titular provincial de Cultura en que “a aposta polo talento fotográfico do país é indiscutible” por parte da Deputación, algo que “se demostra cun premio coma este, cunha traxectoria de máis de dúas décadas e que seguimos tratando de potenciar ano a ano”.
Programación adicional
Ademais destas dúas masterclass, o ‘Luís Ksado’ realiza outras tres actividades complementarias á propia entrega de premios. A primeira é o acto de entrega do premio honorífico de fotógrafo histórico a José Suárez, que se celebrará o 5 de outubro ás 12:00 horas no salón de plenos da Deputación. No acto participarán Xurxo Lobato, Xosé Luís Suárez Canal e Natividade González.
Dous días despois, o 7 de outubro, inaugurarase a exposición das fotografías gañadoras e finalistas da edición 2026 do premio. A inauguración comezará ás 18:00 horas cunha conferencia de Miguel Muñiz e, posteriormente, exporanse as obras galardoadas no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela.
Por último, o 8 de outubro, tamén no Museo do Pobo Galego, realizarase a homenaxe a José Suárez, na que tamén participarán Xurxo Lobato, Xosé Luís Suárez Canal e Natividade González.
Perfil dos conferenciantes
Joan Fontcuberta (Barcelona, 1955) é un dos fotógrafos, ensaístas e teóricos máis influentes do ámbito conceptual contemporáneo, galardoado co prestixioso Premio Hasselblad en 2013. A súa traxectoria céntrase en cuestionar a suposta veracidade da fotografía mediante a creación de falsas evidencias, documentos científicos e mitos inventados —como nos seus célebres proxectos Fauna ou Sputnik— para demostrar como a imaxe pode manipular a realidade. Cunha sólida faceta como docente e comisario, a súa obra convida a desenvolver un ollar crítico e desconfiado fronte á hexemonía visual na era dixital.
Juan Manuel Castro Prieto (Madrid, 1958) é un recoñecido fotógrafo documental e mestre positivador español, galardoado co Premio Nacional de Fotografía en 2015. A súa obra destaca por un ollar íntimo, poético e evocador arredor da memoria, a identidade e a pasaxe do tempo, empregando acotío cámaras de gran formato que dotan ás súas imaxes duna textura e atmosfera case máxicas. Entre as súas traballos máis emblemáticos atópasePerú, viaje al sol, un proxecto nado a partir da súa viaxe ao país andino para positivar as placas orixinais de Martín Chambi e no que capturou a esencia humana e paisaxística da cultura peruana.