Katy Varela denuncia que “o alcalde quere lavarse as mans” xa que ante petición de que sexa mediador no conflito asegurou que “eran cousas da empresa e os traballadores”: “Unha vez máis demostra que só quere titulares na prensa e fuxe da súa función de axudar realmente á veciñanza”.
Os concelleiros do PP de Monforte afean a postura de José Tomé que no pleno ordinario de onte “negouse a facer de mediación entre a empresa e os traballadores da recollida do lixo” para evitar o inicio da folga convocada a partir do luns 4.
A voceira popular, Katy Varela, lamenta esta decisión de José Tomé xa que “tanto nós como toda a veciñanza estamos moi preocupados” polo inicio da folga xa que “unha situación coma esta nunca é positiva, pero moito menos en pleno verán, con altas temperaturas e maior afluencia de turistas”.
“A realidade é que a imaxe do municipio quedará moi danada, pero o peor é que se pode por en risco a salubridade xa que o habitual nestas situacións é que o lixo se acumule nas rúas, provocando malos cheiros e provocando numerosos inconvintes”, sinalou.
Katy Varela pide “reflexión” ao alcalde xa que “botar balóns fóra e dicir que iso son cousas da empresas e os seus empregados non é a resposta que debe dar un alcalde ante unha crise que pode afectar notablemente ao día a día da cidade”.
A voceira popular recorda que “un alcalde nunca pode desentenderse dos problemas do concello, sobre todo nun asunto de tanta importancia coma este, polo que debería de empregar a súa posición para ser o nexo de unión entre traballadores e empresas para poder desatascar a situación e chegar a un acordo”.