Touro e a verdade enterrada baixo a asociación Aldea Viva

Hai silencios que resoan máis que calquera berro. E iso é o que leva facendo Aldea Viva durante anos: calar cando máis falta facía falar. Esta asociación, que en tempos contou con xente comprometida, converteuse nunha sombra do que foi. Unha entidade opaca, privada, pechada a calquera participación cidadá real e que agora resucita, como se dun cadáver político se tratase, só para opoñerse a un acordo que precisamente busca aquilo que Aldea Viva nunca conseguiu: que o Concello asuma as súas competencias e defenda o territorio con xustiza ambiental real, e non con teatrillos de salón.

Resulta grotesco, por non dicir directamente indecente, que esta asociación reapareza agora, non para celebrar que por fin se está a actuar con responsabilidade política, senón para disparar contra quen está facendo o que eles nunca fixeron. Non é casualidade que a súa aparición se produza nun momento no que se intenta consolidar un acordo fundamental, froito da responsabilidade compartida e da cesión, non o esquezamos, do Partido Popular. Sen ese xesto, non tería existido moción de censura, nin tampouco posibilidade de reverter o abandono institucional que sufrira o medio durante anos.

Cómpre dicilo claro: Aldea Viva non é un movemento cidadán aberto, nin plural, nin horizontal. É unha estrutura privada e pechada, sen máis de tres ou catro persoas activas, que nunca fixo por abrirse á participación popular nin por recoller fondos de forma transparente. Criticar a quen propuxo campañas de micromecenado —e foron rexeitadas— por non facer achegas económicas soa a mal gusto. Aínda máis cando falamos de persoas que dedicaron horas incontables de traballo desinteresado mentres outros se dedicaban ao postureo de comunicados e á militancia do silencio.

Porque, e aquí está o miolo da cuestión, Aldea Viva calou. Calou cando o alcalde Roberto Castro decidiu non recorrer a declaración da mina como proxecto estratéxico. Calou cando se negou a personarse nas causas xudiciais, impedindo que informes periciais fundamentais se incorporasen á defensa do territorio. Calou cando o poder lles era afín. E agora, cando as cousas comezan a moverse no bo sentido, falan.

Iso non é compromiso ambiental. Iso é oportunismo político. E quen actúa segundo quen goberne non merece dar leccións a ninguén.

É fácil envolverse na bandeira da ecoloxía desde un despacho, redactar comunicados e simular preocupación mentres se ignoran decisións cruciais. Pero a verdade non se esconde detrás dun logotipo nin dunha nota de prensa. A verdade, por dura que sexa, é esta: Aldea Viva converteuse nun instrumento máis de loita partidista, incapaz de recoñecer avances cando veñen da man dos que non controlan.

Xa non enganan a ninguén. Porque o ecoloxismo de verdade é o que se fai coas mans, non co teclado

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios