Abarca máis de 45.000 m2 de superficie no Igrexario de Montemaior que se dedicarán á investigación para a recuperación de espazos de valor ambiental.
O Pleno da Corporación municipal reuniuse hoxe na sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo, a primeira en realizarse na Casa da Cultura tralo inicio das obras de rehabilitación integral da Casa do Concello.
Unha das cuestións máis destacadas foi a aprobación definitiva do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do Medio Rural impulsado en Montemaior pola Fundación Galicia Sustentable, organización sen ánimo de lucro. O seu ámbito de aplicación abarca dúas parcelas catastrais de titularidade privada que suman unha superficie total de 45.038 metros cadrados, emprazadas no Igrexario desa parroquia. O obxecto do Plan Especial é a ordenación detallada do ámbito e a concreción dos seus usos que permitan destinalo á implantación dunha dotación multifuncional dedicada á investigación para a protección e recuperación de espazos de valor ambiental que sexa referente para a prosperidade do medio rural. O asunto saíu adiante coa única abstención do grupo do BNG. O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que os terreos do Plan son de propiedade da entidade promotora e que conta con todos os informes sectoriais necesarios para un trámite destas características que afecta a solo rústico. O rexedor concluíu afirmando que a iniciativa da Fundación Galicia Sustentable ten “un importante valor experimental e de divulgación científica”.
Por outra banda, e tal e como é tradición no concello da Laracha, quedaron fixados o Martes de Entroido (17 de febreiro) e o día da Romaría dos Milagres de Caión (8 de setembro) como os festivos locais para o ano 2026, o que foi aprobado por unanimidade dos tres grupos municipais.
Tamén foi aprobada, neste caso coa abstención do PSOE, a incoación de expedientes de investigación de titularidade nun total de 22 camiños co propósito de facer constar con suficiente detalle as mencións necesarias para a súa identificación e, nos que resulte preciso, reflectir a situación xurídica e destino de uso ao que están sendo dedicados. O alcalde apuntou que este procedemento tivo que retrotaerse para poder notificar a todos os propietarios das fincas lindeiras.
Ademais, foi aprobada unha moción presentada polo grupo municipal popular na que se amosa o rexeitamento expreso á corrupción e se esixe ao Goberno de España a inmediata depuración de responsabilidades, a colaboración con todas as instancias xudiciais e a convocatoria de eleccións xerais.