O voceiro dos nacionalistas en Camariñas, Xurxo Rodríguez, afirma que “tanto o goberno galego como o Concello seguen facendo caso omiso ás demandas para que as crianzas de Camelle poidan xogar nun sitio seguro e decente”.
O BNG de Camariñas volveu a solicitar no pleno da corporación, celebrado este mércores 30 de xullo, que se constrúa unha cuberta, así como diversas melloras, no parque infantil do CEIP de Camelle. O voceiro municipal dos nacionalistas, Xurxo Rodríguez, sinalou que esta demanda vén sendo reiterada nos últimos meses, con rogos e mocións en sesións plenarias, e lembrou que en setembro do ano pasado o BNG presentou iniciativas ao respecto no Parlamento galego da man do deputado Oscar Insua.
A formación nacionalista subliñou que fronte a escola de Camelle hai un parque infantil que non está cuberto, como ocorre noutros centros educativos, polo que os días de choivaas crianzas non poden xogar no mesmo no tempo libre, non tendo máis remedio que quedarse no centro escolar, onde dispoñen dunha habitación de tan só vinte metros cadradoscomo patio de colexio para desfrutar do recreo. Ademais, o BNG indicou que para acceder ao parque infantil hai que cruzar unha estrada municipal, o que pon en risco a seguridade do alumnado cada vez que acoden ao mesmo, porque esa vía está en mal estado, igual que o paso de peóns.
O BNG de Camariñas tamén resaltou o “mal estado” no que se atopa o recinto onde xogan as crianzas, que presenta danos e deficiencias en diversos elementos de xogo, o que pode supor “un perigo para os escolares”.
Xurxo Rodríguez manifestou que “tanto o goberno galego como o Concello seguen facendo caso omiso ás demandas para que os nenos e nenas de Camelle poidan xogar nun sitio seguro e decente”. O portavoz nacionalista fixo pé en que “xa antes do inicio do curso escolar do ano pasado presentamosunha moción en pleno instando ao Concello a facer as xestións oportunas para acadar as melloras necesarias no parque infantil e a súa contorna”.
“Este vindeiro ano escolar vai comezar en pouco máis dun mes, e a pesares de que avisamos do problema hai tempo, tanto as autoridades da Xunta de Galiza como os responsábeis municipais seguen sen facer nada para mellorar este parque infantil e a súa seguridade; seguiremos insistindo ata que as autoridades dean solución a este tema”, concluíu Xurxo Rodríguez.
Moción en defensa do colectivo LGTB
Por outra banda, a corporación municipal de Camariñas aprobou por unanimidade unha moción presentada polo BNGen defensa da igualdade e contra LGTBfobia, na que se pedía ao pleno un compromiso cos dereitos de todas as persoas independentemente da súa orientación e identidade de xénero, así como a condena dos discursos de odio espallados por movementos reaccionarios.
A proposta incluía instar ao goberno local a promover políticas municipais que garantan a igualdade e a visibilidade do colectivo LGBT, ademais de dirixirse á Xunta e ao Goberno do Estado para reclamar a ampliación de dereitos e de medidas efectivas contra o odio, a discriminación e todas as formas de violencia.