A Laracha. Adxudicado o proxecto de amoliación da rede de abastecemento en Erboedo entre Reirís e Vilarmaior

.Presenta un orzamento próximo aos 50.000 euros e será cofinanciado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.

O Concello vén de adxudicar a execución do proxecto do ampliación da rede de abastecemento de auga entre os núcleos de Reirís e Vilarmaior, na parroquia de Erboedo, nunha actuación dirixida a continuar mellorando os servizos básicos no rural.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o responsable da empresa que realizará as obras, Dámaso Ferreiro, realizaron hoxe, acompañados polos concelleiros Pablo Cambón e Juan Carlos Amado, o replanteo do proxecto sobre o terreo no que se actuará xa a partir dos próximos días.

Ao tratarse de núcleos situados en zonas elevadas, requírese a instalación dun grupo de presión e dun depósito regulador en Reirís, así como ampliar a rede nunha lonxitude de 1.200 metros. Ademais de permitir a conexión das vivendas desos lugares á traída municipal, esta intervención tamén contribuirá a reforzar o servizo cunha maior presión do caudal noutros núcleos próximos, mellorando o funcionamento xeral da infraestrutura.

O investimento previsto ascende a preto de 50.000 euros e será cofinanciado entre o Concello e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ao abeiro da liña de subvencións de concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental.


O Concello continúa realizando un importante esforzo para estender progresivamente os servizos básicos aos máis de 300 núcleos de poboación rural existentes no termo municipal, co convencemento de que ampliar a cobertura do abastecemento e saneamento, e manter en boas condicións a rede viaria, contribúe a mellorar a calidade de vida da veciñanza e favorece o equilibrio territorial no concello.

Comparte éste artículo
No hay comentarios