¿Onde está a brigada de incendios que Ames debería ter xa en marcha? Por José Luis Calo

Coordinador UCIN Galicia

Estamos en pleno verán. As temperaturas soben, o monte se reseca, e os incendios forestais xa tocaron as portas do noso municipio. E, con todo, a estas alturas, Ames aínda non dispón da brigada municipal de prevención e extinción de incendios. Unha dotación de persoal que xa debería estar operativa desde hai semanas.

Non é unha suposición, nin unha opinión: é un feito contrastado. O Goberno local tiña a posibilidade —e a obrigación— de adiantar os trámites para poñer en marcha este servizo esencial. A Xunta de Galicia habilitou este ano un mecanismo específico para iso, permitindo a contratación anticipada do persoal necesario desde o mesmo momento de solicitar a subvención, alá polo mes de marzo.

A resolución que confirmaba a concesión do apoio económico emitiuse en maio. Desde entón, pasou o tempo suficiente para completar calquera proceso de selección. Pero o expediente non só se atrasou sen explicación, senón que hoxe, cando xullo se despide e agosto comeza, a brigada aínda non existe.

Ista situación non é un simple atraso administrativo, é unha irresponsabilidade.

En lugar de actuar con previsión, o Goberno municipal esperou, improvisou, e ofreceu só unha reunión para presentar un plan sobre o papel. E o equipo humano que debería estar a protexer as nosas zonas rurais? Ben, grazas.

Como representante de UCIN Galicia e candidato por Ames, véxome na responsabilidade de preguntar:

Por que non se activou a contratación anticipada cando a normativa o permitía? Que impediu que teñamos xa a catro persoas formadas e listas para actuar sobre o terreo?

Isto non é política de partido. Isto vai de seguridade, de responsabilidade, e de coidar o que é de todos. Ames merece unha xestión seria, anticipada e comprometida.

E o que hoxe está a fallar non é o orzamento.

É a vontade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios