O Grupo Municipal Popular presentou o seu proxecto para conectar Lugo co río, mellorar os servizos e ofrecer novos espazos de lecer pensados nas persoas, dentro do seu modelo de cidade.
As actuacións están concibidas para executarse por fases no tramo comprendido entre os Robles e o complexo da UNED, sempre cunha intervención respectuosa co medio natural e co entorno do Miño.
![]()
O Partido Popular detallou o seu modelo de zonas de baño nos Robles, epicentro desta iniciativa e punto de partida das distintas fases de actuación, que inclúen, entre outras, as seguintes intervencións:
• Piscina ao aire libre con elementos de xogo acuáticos na contorna dos Robles
• Recuperar a contorna do caneiro do Chapuzo como zona de baño tradicional en Lugo. A proposta inclúe a reparación do caneiro —actualmente en mal estado— e o acondicionamento do bordo do río neste tramo para que quen o desexe poida bañarse directamente no río nun espazo seguro e accesible. Esta é unha aposta por devolverlle aos lucenses un espazo de baño que forma parte da nosa memoria colectiva.
• Zona de baño na Tolda (UNED), limpeza e acondicionamento do borde fluvial para facilitar o acceso seguro á auga, creación de aparcadoiro e novos servizos.
Esta proposta require do consenso de todas as administracións porque só sumando esforzos será posible devolverlle o río aos lucenses. Lembramos que a última vez que o PP xa propuxo crear unha zona de baño pública nos Robles, no pleno de abril, PSOE e BNG votaron en contra.
A voceira popular concluía “o PP ten un modelo para poder ter espazos de baño públicos respectuosos co medio ambiente, seguros para o disfrute dos lucneses, e que permitan aproveitar esta riqueza patrimonial”.