Desde ese Sáhara Occidental berce de aldraxe e exilio, chegan cada verán nenos e nenas a Galicia dentro do programa «Vacacións en paz» que no noso país desenvolve Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS) tentando aliviar as condicións de vida dunhas crianzas abocadas a nacer e medrar en campamentos de refuxiados, subsistindo grazas á axuda internacional e baixo condicións moi precarias.
Ishag é un destes nenos, aínda sen cumprir a súa primeira década e por primeira vez desfrutando dun mundo tan alleo e diferente ao seu cotián. Está en Arou (Camariñas) e foi un dos participantes no Campus de fútbol da Escola Cabrejo do mesmo Concello, ao que chegaba imitando o xeito de celebrar goles do seu ídolo Lamine Yamal. Moi pronto conquistaba a todos co seu sorriso permanente e gañas de balón, compartir e divertirse nas tres horas matinais que duraban as xornadas. Cando rematen as vacacións, Ishag volverá coa súa familia, pero tamén a carecer do máis básico e elemental para criarse, dependendo da boa vontade de quen se conmove e considera inxusta a ocupación dos seus territorios por parte de Marrocos. Os gobernos, a diplomacia, organismos internacionais e tantos outros dos que depende a mellora da súa calidade de vida, miran para outro lado, esquecidos de todos os Ishag que coñecen outra vida só, e con sorte, un par de meses ao ano. A maioría segue alí, baixo a infernal calor do deserto e a indiferenza dos poderosos que non queren ver, porque quizais así alivian unha conciencia que custa crer que teñan. Mentres, un oasis de solidariedade, aínda que insuficiente, serve para que pais e nais de acollida coma os de Ishag, devolvan algo de todo o que aquí desfrutamos aos que non teñen de case nada.