O pronunciamento do TXUE non repercutirá na maioría das paralizacións cautelares de eólicos acadadas pola cidadanía

ADEGA vén de coñecer polos medios de comunicación que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) vén de pronunciarse sobre a cuestión prexudicial plantexada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), avalando o proceso de consulta pública levado a cabo pola Xunta na tramitación da autorización dos proxectos eólicos, en canto considera que, ao tempo que se produce a exposición pública do proxecto, se poden recabar os informes sectoriais sen necesidade de sometelos a consulta pública.

ADEGA manifesta a súa decepción polo contido do pronunciamento do Tribunal de Luxemburgo ao impor unha interpretación da normativa comunitaria, e en particular da Directiva 2011/92/UE, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente, que menoscaba o espíritu da mesma ao restrinxir os dereitos de participación da cidadanía ate convertelos nunha mera ilusión, dado que se priva a esa cidadanía da posibilidade de ter coñecemento dos informes técnicos sectoriais antes de se poder manifestar verbo de proxectos con implicacións medioambientais e socioeconómicas caracterizados pola súa complexidade técnica.

Malia ao anterior, e en relación coa situación de irresponsabilidade administrativa, descontrol e prevalencia sistemática dos intereses privados fronte ao interese xeral, ADEGA considera oportuno salientar que a cidadanía e a patronal eólica están a enganar a cidadanía cando conclúen que o pronunciamento do Tribunal Europeo implicará o levantamento de todas as paralizacións cautelares dos proxectos eólicos conqueridas no TSXG a instancias dos recursos contencioso-administrativos interpostos pola veciñanza e as organizacións ecoloxistas, entre as que está ADEGA.

Así pois, a resolución da cuestión prexudicial nos termos expostos cando menos na prensa, e á espera de coñecer en detalle o contido formal deste pronunciamento, en nada garante que a situación existente a respecto da implantación de novos proxectos eólicos, con deceas de proxectos cautelarmente paralizados, vaia reverterse, dado que as anteditas paralizacións substentáronse xudicialmente nas eivas das avaliacións ambientais practicadas, asunto sobre o que non foi consultado o TXUE nin se pronunciou, e que centrará finalmente a razón das futuras sentenzas. 

ADEGA sinala que, malia a sentirse decepcionada con esta interpretación da norma qu claramente vai en contra do dereito a unha participación pública real e efectiva, esta non vai repercutir na maioría das paralizacións cautelares hoxe vixentes e lanza unha mensaxe de tranquilidade a aquelas persoas, entidades e plataformas veciñais que lexitimamente acadaron no TSXG a paralización cautelar dos proxectos en base a outros motivos xurídicos, alén do das deficiencias na tramitación da exposición pública, como os relativos ás eivas na avaliación ambiental ou aos posíbeis casos de fragmentación fraudulenta de proxectos.

Pola súa banda, ADEGA seguirá a desenvolver a súa loita fronte a invasión eólica, e o espolio ambiental, social e económico de Galiza, ideado e perpetrado por un goberno da Xunta que unicamente concibe desenvolver o país con criterios de desigualdade e perante procesos industriais que vulneran de cheo o dereito do pobo galego a vivir nun medio ambiente saudábel e en condicións de dignidade. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios