O BNG de Castro de Rei, a través da súa concelleira Olga García, denuncia a alarmante situación da auga da traída municipal, que non é apta para o consumo. A edil lembra que as análises do pasado 4 de xuño xa mostraban niveis moi altos de arsénico, bacterias coliformes e turbidez, polo que a veciñanza leva meses consumindo auga contaminada.
García critica que o alcalde «faga fotos con representantes da Xunta» e fale de investimentos millonarios que «nunca chegan». O BNG esixe unha intervención inmediata e a execución sen demoras do proxecto de 2 millóns de euros anunciado para mellorar a captación e garantir a calidade da auga.