O BNG de Vimianzo vén de denunciar publicamente a instalación de cámaras de vixilancia no paseo do río. A formación nacionalista considera “inadmisible” que o goberno municipal, encabezado pola alcaldesa Mónica Rodríguez, teña colocado cámaras nun espazo público “sen informar a cidadanía, sen sinalización visible, sen que se coñezan as finalidades do seu uso, nin se saiba quen é o responsable do tratamento das imaxes”. Lembran que a vixilancia, tanto de imaxe como de son en lugares públicos, está suxeita a unha normativa moi estrita e que non pode empregarse de maneira arbitraria nin sen garantías legais.
“O uso de cámaras en espazos públicos debe ser sempre a última opción, xustificada por razóns de seguridade e baixo o cumprimento estrito da normativa vixente en materia de protección de datos. A gravación en espazos públicos sen a correspondente autorización supón un grave delito contra a Lei orgánica 3/2018 de protección de datos persoais e garantía de dereitos”, sinalou o BNG vimiancés.
O grupo nacionalista esíxelle á alcaldesa “que aclare inmediatamente quen ordenou a instalación das cámaras, con que finalidade, que empresa está a xestionar as gravacións e se conta co correspondente informe xurídico e autorización da Axencia Española de Protección de Datos”.
O voceiro municipal do BNG de Vimianzo, Benxamín Queiro, manifestou que “podemos comprender q se faga con fins disuasorios a raíz dos últimos casos de vandalismo; pero se é así, a quen van a disuadir unhas cámaras que están escondidas e sen sinalizar?”
A formación tamén reclama que no caso de que exista unha base legal para a súa instalación, se informe a veciñanza de forma clara e pública, incluíndo a colocación da sinalización obrigatoria.
Así mesmo, o BNG tamén ten constancia da instalación de cámaras nas instalacións de Protección Civil de Vimianzo, polo que tamén solicitará os informes relativos a esta cuestión.