O PSOE de Arteixo esixe explicacións ao goberno local de Carlos Calvelo pola praga de pulgas e a morte de aves no paseo fluvial

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo amosa a súa grave preocupación ante a alarma xerada entre a veciñanza pola aparición de aves mortas e unha praga de pulgas no paseo fluvial do río Bolaños. A situación, que afecta a tramos dende O Rañal ata a zona de Ponte dos Brozos, está a causar problemas de saúde e inseguridade, mentres o goberno local gardou silencio e non ofreceu ningunha explicación.

O voceiro socialista, Martín Seco, denuncia a falta de acción por parte do Concello: «Recibimos imaxes e testemuñas de persoas afectadas, como unha veciña que sufriu máis de 40 picaduras e precisou atención médica. Esta praga foi comunicada ao concello hai máis de dúas semanas, e non se tomou ningunha medida nin se emitiu aviso algún á veciñanza».

No que respecta á morte das aves, os socialistas demandan que se solicite de forma urxente un informe á Consellería de Medio Ambiente para determinar a causa e avaliar os posibles riscos para a saúde pública. «Queremos saber se é unha enfermidade, un problema ambiental ou un episodio puntual, pero sobre todo, esiximos que se informe con claridade e rigor«, sinala Seco.

O PSOE de Arteixo critica duramente o uso dos medios municipais, que non se utilizaron para alertar á poboación. «É unha irresponsabilidade que o Concello non use os seus canais oficiais para informar dunha situación que afecta directamente a saúde da cidadanía. O silencio non é unha solución«, conclúe o voceiro.

Solicitudes do Grupo Socialista:

  • Informe urxente: Solicitar á Xunta de Galicia un informe sobre a morte das aves.
  • Información inmediata: Alertar á veciñanza sobre a praga de pulgas e os puntos afectados.
  • Desinfección eficaz: Esixir á empresa de control de pragas unha actuación inmediata.
  • Comunicación pública: Usar os canais do Concello para garantir o dereito da poboación a estar informada.

Comparte éste artículo
No hay comentarios