PP de Foz: “O goberno local pon en risco a seguridade das praias pola falta de socorristas profesionais”

O voceiro municipal do Partido Popular, Javier Jorge Castiñeira, denuncia o «fracaso total e absoluto» da xestión do servizo de socorrismo en Foz. Segundo o PP, a insuficiencia de socorristas profesionais pon en perigo tanto a seguridade dos bañistas como a dos propios traballadores.

Castiñeira afirma que o goberno socialista mantén un servizo «en precario» e sinala que moitas praias non poden izar a súa bandeira azul por falta de persoal suficiente. «A situación é un perigo tamén para o desenvolvemento do traballo destes socorristas titulados e auxiliares, que moitas veces están facendo servizos que non lles corresponden ou sobre os que non teñen formación específica», explica.

Os auxiliares non poden intervir en emerxencias

O PP subliña a gravidade da situación, xa que o propio alcalde confirmou no pleno que se unha praia está protexida só por un socorrista auxiliar, este non pode intervir nunha emerxencia, senón que debe chamar a outros servizos. «Isto é inaceptable e supón poñer en risco a saúde, a seguridade e a vida das persoas», declara Castiñeira.

O voceiro popular asegura que Foz se atopa en peores condicións que outros concellos veciños, que contan con mellor servizo, máis medios e profesionais titulados.

O Partido Popular esixe ao goberno local que asuma o seu «fracaso», cambie a súa estratexia, planifique e dote de máis medios ao servizo de socorrismo, algo que considera «fundamental para a seguridade das praias e para o turismo en Foz».

Comparte éste artículo
No hay comentarios