O Plan Hidrolóxico da parte española da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil establece para o período xullo-setembro un caudal ecolóxico mínimo de 0,84 m3 s-1 no río Limia ao seu paso por Ponte Liñares. Pero os datos en tempo real da Estación SAIH (ROEA) A046 (1805) “Río Limia en Puente Linares” revelan que o caudal circulante no río Limia baixou xa dos 0,84 m3 s-1 a partir do 23 de xullo e a data de hoxe é de tan só 0,60 m3s-1, é dicir, un 28% inferior ao caudal ecolóxico mínimo establecido polo RD 35/2023.
Un ano máis, como xa denunciou reiteradamente SGHN con anterioridade (16 escritos á Confederación Hidrográfica nos últimos 15 anos), a situación hidrolóxica na cabeceira do río Limia é a dun colapso recorrente. Xa que logo, non é un feito excepcional vinculado a condicións climatolóxicas extremas, menos aínda en ano hidrolóxico como o actual, senón un problema estrutural moi grave derivado dun uso abusivo do recurso auga na cabeceira do Limia.
O texto refundido da Lei de Augas vixente establece que os caudais ecolóxicos ou demandas ambientais deben considerarse como unha restrición que se impón con carácter xeral aos sistemas de explotación, só supeditada á regra sobre supremacía do uso para abastecemento de poboacións (Art. 59.7 e Art. 60).
Á vista da situación hidrolóxica actual na Limia, SGHN ven de dirixirse novamente á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil solicitándolle que, en exercicio das súas competencias e obrigacións legais, adopte con carácter inmediato todas as medidas previstas pola lexislación vixente que sexan necesarias para garantir a circulación dos caudais ecolóxicos mínimos establecidos no Plan Hidrolóxico para as masas de auga na cabeceira da conca do Limia:
- ES507MAR002331 Río Limia I en Alta Limia (0,27 m3 s-1)
- ES507MAR002332 Arroyo de Faramontaos (0,15 m3 s-1)
- ES509MAR002341 Río Nocelo II (0,10 m3 s-1)
- ES509MAR002342 Río Nocelo I (0,07 m3 s-1)
- ES510MAR002350 Río de la Lagoa de Antela (0,17 m3 s-1)
- ES510MAR002361 Río Limia IV (0,84 m3 s-1 )
- ES510MAR002362 Río Limia II (0,42 m3 s-1)
- ES510MAR002363 Río Limia III en O´Toxal (0,77 m3 s-1)
- ES511MAR002370 Río Bidueiro (0,11 m3 s-1)
- ES511MAR002390 Río Fírbeda (0,11 m3 s-1)
Foto. Río Limia