O BNG de Xove rexistrou as 631 sinaturas recollidas durante o mes de xullo para demandar a reposición da praza da médica xubilada. O partido quere agradecer a solidariedade das persoas que participaron, subliñando que este é un problema que afecta a toda a veciñanza, mesmo a quen non pertence á cota afectada, xa que sobrecarga o traballo da única médica que queda no centro.
A situación é «insoportable» para os veciños
A portavoz do BNG local, Pilar Vázquez, denuncia que a situación para a cota sen médica segue sendo insostible. Os veciños non poden pedir cita nin receitas a través da aplicación do Sergas por falta de ocos ou de previsión sobre os días de consulta. A situación agrávase este mes, no que só terán tres días pola tarde para ser atendidos.
Vázquez cualifica a situación de «insoportable», xa que impide un seguimento axeitado dos pacientes e sobrecarga á única profesional do centro. A portavoz critica as promesas da xerencia da área sanitaria, que asegurara unha cobertura aos centros de saúde da comarca. «Por moito que digan, que te deriven a outro centro de saúde non é unha cobertura na túa localidade», sinala Vázquez, quen conclúe que a «atención primaria está morrendo e aféctanos a todos».