O BNG do Valadouro pide que se arranxen os camiños e que se aplique a ordenanza que regula a actividade forestal

Os nacionalistas denuncian que, seis meses despois de aprobar por unanimidade a proposta do BNG para reforzar o control sobre a extracción de madeira, o goberno municipal do PP non aplica as medidas acordadas nin repara as pistas deterioradas.

O BNG do Valadouro volve levar ao pleno a necesidade de que o goberno municipal do Partido Popular actúe para reparar os camiños e pistas municipais deteriorados e aplique a ordenanza que regula as actividades de extracción e reforestación de madeira.

A formación nacionalista lembra que o pasado mes de marzo presentou unha proposta para modificar a ordenanza da saca de madeira, ante o estado no que quedaban os viais tras a actividade forestal. A iniciativa foi aprobada por unanimidade.

A modificación establece as responsabilidades e obrigas das empresas, recolle infraccións e sancións e incorpora unha fianza previa ao inicio da actividade para garantir a reparación dos posibles danos nas pistas e camiños municipais.

“Desde o BNG propuxemos unha solución, con responsabilidades claras para as empresas, infraccións, sancións e unha fianza que garantise a reparación dos danos. A proposta aprobouse por unanimidade, pero seis meses despois o Partido Popular non está a facer o seu traballo”, denuncia o portavoz nacionalista, Eduardo Chao.

Chao sinala que “a vixiancia e o control destes traballos poden ser unha tarefa complexa, pero o goberno municipal nin tan sequera está a cumprir co que xa estaba acordado e comprometido”. Como exemplo, cita a pista de Pedrouzos a Chaíño. “O BNG, desde a Concellería de Obras, arranxou o tramo de Pedrouzos até o desvío cara á Rapa. O previsto era continuar desde a Rapa até Chaíño en tres anualidades, pero o Partido Popular non deu continuidade aos traballos e a pista, que xa estaba en mal estado, vai a peor”, afirma.

O BNG denuncia tamén a situación doutras pistas municipais, entre elas a que sae de Villares. Pola súa parte, o concelleiro Eliseo Teijeiro chama a atención sobre o estado da pista que une Teixeda e Coutemil, que “segue sufrindo os efectos do tráfico pesado de maquinaria e camións dedicados á extracción de madeira, sen que o goberno municipal actúe para garantir o seu correcto estado”.

Por todo isto, o BNG leva ao próximo pleno unha moción para instar o goberno municipal a actuar con urxencia no arranxo destas pistas e a aplicar a ordenanza que regula as actividades extractivas de madeira e reforestación nos montes e espazos forestais do Concello do Valadouro, incluíndo a modificación aprobada por unanimidade no pleno do pasado mes de marzo.

“O Concello agora ten ferramentas para actuar. O que fai falta é que o PP as aplique, leve un control real da actividade e garanta que quen deteriora as pistas cumpra coa súa obriga de reparalas”, conclúe Eduardo Chao.

Comparte éste artículo
No hay comentarios