O Divercamp, un dos campamentos de verán organizados polo Concello, rematou hoxe a súa segunda edición, que tivo lugar dende o pasado luns nas instalacións do pavillón do IES Agra de Leborís.
Durante cinco días, 50 nenos e nenas de entre tres e doce anos puideron gozar de actividades diversas, destacando a súa aposta pola aprendizaxe de idiomas. Os rapaces participaron en xogos, contacontos, obradoiros musicais, artísticos e de robótica que se desenvolveron en galego, castelán, inglés e francés, co obxectivo de reforzar as súas habilidades lingüísticas dun xeito lúdico e cooperativo.
No acto de clausura, os participantes recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Ensino, Cultura e Deportes, Patricia Bello.
Un verán de campamentos exitosos
O Divercamp pecha así un verán de campamentos municipais que, segundo o Concello, foi un éxito de participación. Ademais deste, tamén se levaron a cabo as dúas quendas dos campamentos de Caión e o campamento urbano da Laracha. A principal novidade deste ano, o campamento dixital, tivo que ampliar a súa oferta a tres quendas para poder atender a todas as solicitudes.