O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, visitaron á bailarina Suevia Rojo para felicitala pola conclusión da súa residencia artística no Vello Cárcere. Esta estadía forma parte do proxecto Residencias Paraíso, unha iniciativa do colectivo RPM en colaboración coa área de Cultura do Concello de Lugo.
Maite Ferreiro destacou que este programa consolida o apoio do Concello ao sector da danza, «ofrecendo espazos e tempos para investigar, crear e compartir coa veciñanza». Ferreiro subliñou a importancia deste tipo de programas para a fase inicial de creación dos espectáculos e a conexión que fomentan entre os artistas e a cidadanía.
«Incorpórea»: Unha viaxe ao interior da identidade
Durante a súa estancia en Lugo, Suevia Rojo desenvolveu o proxecto «Incorpórea», unha obra de danza que explora a auto-investigación e a introspección. A artista, natural de Santiago de Compostela, afonda en como o corpo se converte nun espazo de memoria, creando un diálogo entre estados físicos e emocionais.
«Incorpórea» pretende ser unha chamada a mirar cara adentro, onde as capas da conciencia se revelan como mapas vivos de experiencias e contradicións. A través do movemento, Rojo explora a conexión entre a conciencia e o instinto, transformando a vulnerabilidade en forza.
Suevia Rojo é unha bailarina e performer freelance con formación en Portugal, onde comezou a desenvolver a súa identidade artística. Conta cunha destacada traxectoria con obras como «Longa Exposición» e «Pensar a Contratempo», e o seu traballo en Lugo enmárcase na estratexia municipal que inclúe outras iniciativas de apoio ás artes do movemento, como o Festival Cartografía en Movemento e o Ciclo LED – Lugo En Danza.