A deputada socialista Silvia Longueira anunciou hoxe o rexistro dunha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para mellorar a seguridade e as condicións laborais no Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Esta acción xorde como resposta ao asasinato dunha traballadora no Porriño e despois de manter encontros coas profesionais do sector e rexedores, como a alcaldesa de Betanzos, María Barral.
«O sistema está ao límite. O que nos trasladaron as traballadoras é moi claro: están a traballar sen respaldo. O sucedido no Porriño non foi un feito illado, senón a consecuencia da falta de responsabilidade institucional da Xunta», subliñou Longueira.
Unha década de incumprimentos
O PSdeG denuncia que a Lei de Servizos Sociais de Galicia de 2008 obriga a elaborar un Plan Estratéxico cada seis anos, pero Galicia segue sen ter o primeiro plan en 2025. «Somos a única comunidade autónoma sen este plan, mentres a Xunta escapa das súas obrigas e os concellos fan malabares para manter o SAF», recordou a deputada.
Ademais, o PSdeG critica a normativa actual, que só permite á Xunta autorizar a suspensión do servizo mesmo en situacións de risco evidente. «Unha traballadora pode detectar un perigo, pero non pode deixar de ir ata que a administración llo diga. Iso é inasumible», engadiu.
Propostas socialistas para a seguridade e a dignidade laboral
Para reverter esta situación, o PSdeG propón un cambio normativo urxente que permita ás traballadoras actuar ante calquera indicio de risco sen esperar autorizacións. As iniciativas inclúen:
- A aplicación efectiva do Real Decreto 893/2024, que recolle obrigas en prevención de riscos: avaliacións presenciais dos fogares, recoñecementos médicos periódicos, descansos regulados e protocolos contra o acoso. «Non se pode coidar con medo», recalcou Longueira.
- A creación dun Observatorio do Sistema de Dependencia en Galicia para recompilar datos reais e tomar decisións fundamentadas.
- A activación dunha mesa técnica de dependencia para abordar a problemática de forma integral.
A voz dos concellos
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, que tamén é vicepresidenta executiva da Fegamp, confirmou que os concellos levan anos reclamando estas medidas, especialmente en materia de financiamento. «O servizo afoga a todos os municipios galegos porque cada vez é máis demandado e o seu custo é maior», afirmou Barral, quen puxo o seu municipio como exemplo da falta de recursos para os maiores.
A Fegamp xa acordou por unanimidade a creación dunha mesa de traballo, liderada pola Xunta de Galicia, que inclúa a todas as partes implicadas. A alcaldesa reclamou á Xunta que «colabore cos concellos na elaboración dun protocolo» que evite que se repitan sucesos como o do Porriño, xa que hoxe en día «non permite deixar de prestar o servizo no domicilio, aínda que as traballadoras vexan perigar a súa integridade».